Temos máis tecnoloxía concreta, galega e con nome propio, xurdida da colaboración directa un centro tecnolóxico e unha empresa. Falamos de Real-Time eCommerce Ranking, unha iniciativa impulsada por Gradiant en colaboración coa empresa Elogia, firma centrada no ámbito da mercadotecnia en liña e dirixida polo galego Rubén Ferreiro. Real-Time eCommerce Ranking é, máis polo miúdo, unha ferramenta deseñada para recoller as opinións xeradas na rede social Twitter acerca das principais tendas en liña que operan no eido estatal, e logo clasificalas mediante un sistema de cores en función do sentimento xerado no usuario respecto da marca. A ferramenta, que xa está accesible na web de Elogia marketing4ecommerce.net, achega tres cores para visualizar o devandito: verde (chíos positivos), vermello (chíos negativos) e ámbar (chíos neutros).
Segundo informa Gradiant, a plataforma artéllase de tal xeito que a información achégase ao usuario do xeito máis sinxelo máis posible, permitíndolle comprender a través dunha soa ollada “a relación entre o volume total de comentarios xerados acerca de cada marca e os seus competidores, en función do tamaño das súas distintas esferas sociais”.
Os esforzos pola simplicidade e pola máxima eficiencia no uso tamén se reflicten nunha funcionalidade concreta que se dirixe a facilitarnos de contado as impresións xerais deixada polas empresas: é posible visualizar os comentarios xerados en tempo real, os dun día concreto, os de toda a semana, os do último mes ou, se o desexamos, o total de chíos amoreados. A maiores, as empresas obxecto de análises están clasificadas en función do seu sector (alimentación, cosmética, mercados, fogar, moda, lecer, tecnoloxía e viaxes), para que as comparativas sexan máis representativas.
Segundo engade Gradiant, Real-Time eCommerce Ranking xurdiu como aplicación práctica dunha das tecnoloxías que o centro tecnolóxico emprazado en Vigo pon a disposición das empresas, neste caso GLIK, a súa solución de análise semántico en redes sociais.
Sinalar tamén que a colaboración con Elogia xa vén de antigo. De feito, engaden fontes de Gradiant, “esta non é a primeira iniciativa nova na que o centro colabora con algunha das marcas de Viko”, o paraugas empresarial que abrangue Elogia e Mercadotecnia4eCommerce. Sen ir máis lonxe, o pasado verán, ámbalas entidades lanzaron O Outro Mundial, unha aplicación que analizaba os chíos relativos á competición internacional de Brasil 2014 e clasificábaos en grupos segundo a mensaxe completa, non só polas súas etiquetas ou palabras clave, coma outras solucións de seguimento en redes sociais. “Toda esa información permitía finalmente calcular de forma automática e non supervisada estatísticas en tempo real sobre o máis comentado do evento futbolístico do ano”, explican dende Gradiant.
Gradiant e Elogia volven xuntar forzas para impulsar un ranking en tempo real sobre as principais tendas en liña
Compartir Este Artigo
