O Clúster TIC vén de lembrar que xa está aberto o prazo de inscrición para a primeira sesión do Programa Marco Polo, que se celebra o 18 de maio no Edificio CERSIA de Santiago (17.30 horas) e que se vai centrar, informa a plataforma empresarial, en presentar as liñas estratéxicas do proxecto e en amosar experiencias exitosas de internacionalización. Este, como sinalamos hai uns días dende Código Cero, naceu co obxectivo de potenciar a relación e a cooperación entre as entidades (empresas, plataformas, institucións, centros) asociadas ao Clúster para lograr un meirande nivel de competitividade que “nos sitúe no mapa internacional”.
Máis en detalle, o que se procura é pór en coñecemento das empresas que teñen interese en abrirse a mercados externos as experiencias acumuladas de outras compañías que xa abriron camiño e deste xeito aproveitar as súas recomendación e consellos.
O acto do 18 de maio será inaugurado polo director da Área de Internacionalización do IGAPE, Abel Veiga e polo vicepresidente e responsable de Internacionalización do Clúster TIC, Jesús Lage. Nesta sesión abordaranse en profundidade as experiencias de éxito de EGATEL e SEIDOR, das que Jose Mariño e Carlos Iribarren, respectivamente, detallarán as particularidades atopadas en zonas tan dispares como LATAM, EE.UU. ou MENA; así como as distintas fases de avance nos seus procesos de expansión territorial. A sesión pecharase cun tempo de traballo en rede no que se procurará a busca de alianzas que potencien a exportación
O Programa Marco Polo xorde dun potencial constatado na nosa terra: máis dun 70% das empresas socias do Clúster teñen interese, en distinta medida, no proceso de internacionalización. Para conxugar esta arela das empresas constituíuse un Grupo de Traballo de Internacionalización no que participan 17 empresas socias e que teñen a finalidade de marcar as accións estratéxicas do Clúster en materia de espallamento transfronteirizo. Froito das distintas reunións do Grupo e para desenvolver o proxecto XportaTIC nace o Programa Marco Polo.
O Programa Marco Polo para favorecer o espallamento das nosas empresas estrea sesións o 18 de maio
Compartir Este Artigo
