A firma SATEC, empresa española especializada no desenvolvemento e aplicación de solucións tecnolóxicas avanzadas, vén de informar da integración de tecnoloxía de NetApp no Parlamento de Galicia, máis polo miúdo para levar a cabo a ampliación do espazo de almacenamento de datos da institución. SATEC (Sistemas Avanzados de Tecnoloxía), socia integradora de NetApp, foi a encargada de instalar a devandita tecnoloxía no Parlamento co obxectivo (entre outros) de acadar unha mellora nos tempos de resposta das aplicacións. Cómpre lembrar que recentemente SATEC levou a cabo traballos semellantes para a Administración autonómica.
Segundo lembra a compañía nun comunicado, “o Parlamento de Galicia precisaba ampliar o espazo de almacenamento para mellorar o funcionamento dos seus servizos virtuais e o acceso a ficheiros e bases de datos que se aloxan nos seus servidores”. Era necesario pois mudar a cabina de almacenamento “porque o rendemento e o espazo do que se dispuña quedou pequeno de máis para o axeitado funcionamento dos devanditos servizos”.
Polo tanto, para acadar o obxectivo de ampliar o espazo de almacenamento e consolidar os seus servidores virtuais, o Parlamento de Galicia adquiriu mediante concurso público unha solución FAS de NetApp. “Esta nova solución adquirida”, explican fontes de SATEC, “proporciona á institución un almacenamento potente e flexible cun alto rendemento e eficiencia”. A firma tamén salienta que a nova instalación ofrece “unha meirande eficiencia de uso grazas á funcionalidade de deduplicación de datos que achega a solución”.
En palabras de Marcos Feijoo, responsable do proxecto por parte de SATEC, “a tecnoloxía de NetApp subministrou un mellor aproveitamento do tempo dos usuarios do Parlamento grazas á rapidez de acceso aos arquivos que proporciona a nova tecnoloxía e á mellora notable do intercambio de información entre os traballadores”. Feijoo engade que a nova tecnoloxía forneceu “un gran incremento do espazo de almacenamento e, en consecuencia, unha mellora nos tempos de resposta de acceso ás nosas bases de datos e aplicacións”.
Javier Pou, responsable de Administracións Públicas da Dirección Territorial Oeste de SATEC, informa que “integrar as solucións de NetApp no Parlamento de Galicia era sen dúbida un un reto”. E engade: “Mellorar os tempos de resposta das súas aplicacións e achegar todo o valor da tecnoloxía co mellor servizo ao cliente foi sempre o noso principal obxectivo”.
O Parlamento escolleu tecnoloxía de NetApp para ampliar o espazo de almacenamento de datos
Compartir Este Artigo

