O centro tecnolóxico CITIC participou o pasado 2 de xullo na xornada Mobiliario Intelixente: identificación de oportunidades, celebrada no salón de actos do CEI da Tecnópole e organizada pola Axencia Galega de Innovación a través do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira, CIS-Madeira. O encontro serviu para pór de manifesto a longa listaxe de posibilidades que achega a combinación das tecnoloxías dixitais máis avanzadas co deseño de mobiliario e interiores. Posibilidades que, segundo se lembrou na xornada, non debemos deixar fuxir.
O CITIC contribuíu cun relatorio de Jesús M. Díaz, responsable de Promoción do centro tecnolóxico coruñés, que centrou a súa intervención no concepto da Internet das Cousas (IoT, polas súas siglas Internet of Things) e en todo o que pode xurdir da súa interacción co mobiliario en calquera das súas manifestacións.
Segundo informa o centro coruñés, os traballos específicos do CITIC amosados por Díaz insírense nun dos principais ámbitos de actividade do centro: as contornas intelixentes (smart). O relator lembrou que “o mobiliario intelixente é un dos grandes retos actuais do sector da Investigación e o Desenvolvemento, dadas as diversas funcionalidades que a innovación aplicada ás TIC pode prestar aos usuarios”. Por certo que estes achados tecnolóxicos aplicados ao eido do fogar e da empresa, máis polo miúdo ao seu plano máis físico, son ademais de especial importancia para múltiples colectivos con necesidades especiais, lembrou o CITIC, que fixo fincapé en que cada vez hai máis demanda de solucións simplificadas e integradas que melloren a autonomía das persoas dependentes ou con diversidades funcionais ou cognitivas, amais de optimizar o coñecemento da súa contorna e permitir o seguimento da información que esta xera.
Volvendo á xornada, lembrar que se celebrou no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) de San Cibrao das Viñas (Ourense) e que no encontro déronse cita emprendedores e responsables de dirección, produto ou innovación. Entre os obxectivos do encontro estaban os seguintes: identificar oportunidades de negocio e posibles colaboradores, promover a realización de novos proxectos de innovación e explorar novos escenarios e produtos relacionados co mundo do mobiliario intelixente, o equipamento de hospitais ou xeriátricos.
O CITIC amosa o seu compromiso coa introdución da Internet das Cousas no eido do móbel
Compartir Este Artigo

