O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) está a impulsar este ano unha iniciativa de colaboración galego-lusa para favorecer a creación, desenvolvemento e busca de novos mercados das nosas empresas do sector tecnolóxico-dixital. Trátase do proxecto ACEint, no que tamén traballan a Universidade de Santiago e a axencia portuguesa BICMinho, contando con financiamento de fondos europeos FEDER ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. O seu obxectivo, amais de favorecer a posta en marcha e medre de firmas TIC galego-portuguesas, é favorecer que estas sirvan de catalizadoras da competitividade en ámbalas beiras da raia. O proxecto ACEint, nun plano concreto, xa serviu para lanzar un sistema de alertas sobre oportunidades de negocio internacionais para as empresas do sector e, tamén, para habilitar unha Lonxa de Financiamento.
Respecto da primeira iniciativa, o sistema de alertas, consiste en palabras do IGAPE nun servizo de vixilancia tecnolóxica para a xeración de avisos sobre oportunidades de negocio dirixido especialmente ás empresas do sector TIC orientadas a mercados internacionais. O sistema, que ten carácter permanente, foi deseñado a partir da integración e recompilación de información procedente de observatorios, informes, bases de datos e recursos de seguimento competitivo existentes específicos para empresas e emprendedores do eido tecnolóxico-dixital. “O servizo”, informou o IGAPE na súa presentación en abril, “consiste polo tanto na creación dun recurso que xera un informe quincenal que se envía aos emprendedores e empresas que estean dados de alta”. Os interesados en participar neste servizo poden solicitar xa a súa inscrición na páxina aceint.eu.
Respecto da Lonxa de Financiamento ACEint, inaugurouse o primeiro de xullo en Santiago nunha cita cos medios onde se deu a coñecer que se dirixe a facilitar aos promotores de once proxectos empresariais de Galicia e Norte de Portugal o acceso a financiamento de investidores institucionais ou particulares. Na apertura, os promotores das iniciativas seleccionadas no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza ACEINT presentaron os seus obxectivos perante os investidores presentes na Lonxa. A xornada incluíu ademais unha mesa redonda sobre as posibilidades de financiamento dos investimentos TIC. Participaron neste debate representantes do IGAPE, de Xesgalicia, do Club de investidores de Clúster TIC Galicia, de Unirisco/Uninvest e de AFIGAL.

