Orange comezou a semana publicando os seus resultados financeiros relativos ao primeiro e ao segundo trimestre do ano en curso. No informe achégase, entre outros datos de interese, que o volume de ingresos co que se saldou o segundo trimestre foi de 920 millóns de euros, un 2,5% menos que no mesmo treito de tempo do ano anterior. Este dato, malia non ser cen por cen positivo, pon de manifesto unha leve corrección do rumbo na compañía, sobre todo se temos en conta os números do período previo: no primeiro trimestre de 2015 a caída foi do 5%. Conclusión: semella que Orange, en parte grazas á incorporación de Jazztel e a súa fibra, foi quen de estabilizar a súa traxectoria no mercado estatal.
Entre abril e xuño, a facturación de Orange en España diminuíu un 6,6% por servizos móbiles, mentres subiu un 1% pola venda de equipos e un 8,3% no negocio de servizos fixos.
No informe a operadora de orixe francesa tamén amosa que pechou o primeiro semestre de 2015 con case 15 millóns de clientes, dos que 12,8 millóns son de telefonía móbil e 2 millóns de banda larga. No que atinxe ao 4G, Orange xa ten 3,5 millóns de clientes e no eido da fibra óptica 159.000 clientes. De xuntar a cifra de usuarios de fibra de Jazztel, o número sería de 424.617 clientes.
Orange estabiliza a súa caída de ingresos
Compartir Este Artigo

