A estratexia de distribución dixital de Prince parece a máis errática que puidemos ver nos últimos anos, cunha grande resistencia en deixar que os seus álbums se vendese en formatos descargables, con denuncias ao uso dos seus temas en vídeos de YouTube e incluso cunha rechamante retirada da súa música da meirande parte dos servizos de streaming musical, para volver poucos días despois publicando a través das mesmas plataformas o tema Stare (que non parece formar parte de ningún álbum en concreto polo momento) e agora, seguindo na mesma liña, o artista de Minneapolis sorprende agora lanzando un novo disco, HITNRUN Phase One, que sorprendentemente só está dispoñible a través da plataforma de música en streaming Tidal, onde tamén está dispoñible actualmente o resto da discografía do artista.
Aínda que algúns dos temas puxéronse á venda nos últimos meses, o álbum completo non está dispoñible para a súa compra en ningún formato, o que parece contrario a todo o que viña defendendo Prince nos últimos anos, de aí que sexa tan rechamante este lanzamento que ten toda a pinta de buscar así destacar nun panorama no que cada día é máis complicado que un álbum dun artista tradicional consiga certa sona. De feito, en HITNRUN Phase One non só temos cancións de Prince en solitario, senón que en catro temas comparte micrófono coas cantantes Judith Hill, Rita Ora, Curly Fryz e Lianne La Havas, o que parece ser un interesante reclamo para achegarse a Tidal, plataforma que conta coa posibilidade de probar o servizo durante 30 días de balde.
Prince sorprende ao ofrecer o seu novo álbum en exclusiva mediante streaming
Compartir Este Artigo
