Como xa apuntamos dende Código Cero o pasado venres a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollía unha xornada para dar a coñecer as normas que teñen que cumprir o uso dos drons, falamos da Xornada sobre lexislación e oportunidades do uso de drons. Como tamén informamos dende este espazo, os drons (para aqueles que o descoñezan) son vehículos aéreos non tripulados (VANT), UAV (Unmanned Aircraft Vehicle); dito doutro xeito: unha aeronave que voa sen tripulación, ou mellor dito, un vehículo sen tripulación reutilizable, capaz de manter un nivel de voo controlado e sostido, sendo propulsado por un motor de explosión ou de reacción.
Cómpre sinalar que esta cita xa tivera unha edición previa o pasado xoves en Santiago de Compostela. Volvendo á edición ourensá, dicir que estivo organizada por Francisco Javier Rodríguez (subdirector e docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática ESEI) e polo colexio de avogados de Ourense, coa colaboración da empresa RKDrones e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
O coñecemento da situación tecnolóxica e legal dos drons, comentou Francisco Javier Rodríguez, permitirá albiscar “as oportunidades” que achega este sector nos diferentes eidos, dende a arqueoloxía ata a enxeñaría. “No noso caso o que nos interesa é o software, porque os drons o que proporcionan é información que terá que ser introducida e procesada con programas informáticos”. No caso do dereito, apuntou Pilar López-Guerrero, o interese neste eido vén tanto por posibles conflitos legais que poidan xurdir co uso dos drons (invasión da intimidade…), coma polo uso da información que achegan e que os avogados e avogadas poden empregar no seu traballo (fotografías…).
A xornada comezou cunha intervención de Laura López (técnica da Axencia Estatal de Seguridade Aérea AESA) sobre o marco regulador dos drons e seguridade aérea. Entre outras cuestións Laura López apuntou como estas operacións só se poden facer de día, fóra de aglomeracións de edificios en cidades, pobos e lugares habitados e fóra de reunións de persoas ao aire libre, en espazo aéreo non controlado, por pilotos con coñecementos teóricos e prácticos certificados e con todas as actividades aseguradas.
Trala súa intervención, María Jesús Guerrero (Universidade Pablo Olavide) afondou na responsabilidade civil dos operadores de RPA”s (Remotely Piloted Aircraft Systems) e o seu aseguramento obrigatorio. Por último, representantes da empresa RKDrone presentaron aos asistentes diferentes modelos de drons que empregan na súa empresa e explicaron exemplos reais e potenciais dos seus usos en eidos como o audiovisual, a enxeñaría ou as probas periciais.
O Campus de Ourense foi escenario dunha nova xornada sobre a lexislación dos drons
Compartir Este Artigo

