No marco do evento Pont Up Store, que mañá e o sábado converte Pontevedra (a Praza de España) nun encontro innovador de empredemento (44 proxectos empresariais, todos eles cun importante compoñente TIC, dándose a coñecer) celébrase este venres na Casa da Luz, a partir das 20.30 horas a actividade FuckUp Nights (FUN), unha cita nocturna para, segundo informan os organizadores, “aprender de como o fracaso forma parte do éxito empresarial”. Segundo explican, as Fuck-up Nights naceron co obxectivo de compartir os erros, as malas decisións, os fracasos en definitiva, que moitas veces acontecen no ámbito empresarial.
A primeira experiencia produciuse en México a raíz da pequena conversa entre un grupo de amigos emprendedores que atoparon no feito de compartir o fracaso un pulo de autoestima e de afrontar mellor novas experiencias. “Esta é”, sinalan, “a filosofía das FUN, calquera experiencia empresarial, máis o emprendemento, atopa no camiño atrancos e erros que supoñen malas experiencias, pero dos que se aprende e que poden supor un xiro de estratexia relevante para acadar novas metas”. Como lembraremos, a primeira cita pontevedresa destas características celebrouse ao abeiro do Festival de Emprego e Innovación que organizaron os participantes de Colabora 2015, un plan de emprego posto en marcha polo coworking Espacio Arroelo.
Nesta nova edición, apoiada pola Concellería de Promoción económica e Turismo de Pontevedra, realizaranse “diversas actividades para a implicación dos asistentes” e favorecer a conversa aberta cos tres relatores e ensinaranse técnicas para cambiar “o punto de vista no fracaso”. Os tres relatores son tres empresarios locais: Salvador Vázquez (Rei Zentolo), David Cimadevila (especialista en corte e gravado e autor das xoias vistas no programa 24K) e Mercedes García-Nieto (directora de comunicación e co-propietaria de Lagasca Vintage e de M International Audiovisual).
A actividade estará presentada por Raquel Pedrouso, adestradora executiva e gamificadora de procesos de aprendizaxe. Da súa man orientaranse actividades dirixidas aos asistentes. A actividade está aberta ao público e non necesariamente dirixido a emprendedores, polo que os interesados poden inscribirse no seguinte enderezo: funpontevedra@gmail.com. As prazas son limitadas dado o aforo.
Máis vida alén da FUN
Polo que respecta ao resto das celebracións da Pont-Up Store 2015, lembrar que o programa consiste, basicamente, en subir á palestra a innovadoras empresas locais e galegas de sectores como o deseño de moda, as novas tecnoloxías da información, o deseño gráfico, a alimentación, a educación ou o lecer. Os seus responsables presentarán cadanseu proxecto nas casetas gratuítas da Praza de España. A estes espazos súmanse ademais dúas novas vías de participación, os chamados 10 minutos de gloria, que permiten presentar o proxecto na zona networking da feira, e a posibilidade de “actividades de dinamización” no propio recinto.
Trala súa inauguración, o venres 25 ás 11.30 horas, a feira abrirase cun relatorio de Luis Taboada, CEO de Qubitia, unha empresa TIC creada por ex-alumnos da Universidade de Vigo, precisamente, e clausurarase o sábado ás 20.30 horas coa entrega de premios aos mellores proxectos do encontro.
No marco destas xornadas, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de coloquios titulados Ti tamén podes emprender, que teñen por obxecto “animar aos estudantes a pensar nunha vía de emprego como é o emprendemento”, segundo informa a organización. A estes coloquios súmanse ademais outra serie de actividades na Casa das Campás, onde se abranguerán cuestións como “o papel dos medios sociais ou o emprendemento en feminino”, nunhas actividades máis encamiñadas xa a un público xeral e que, ao igual que o resto do programa, “estarán abertas a toda a cidadanía”.
Asemade, o programa complétase coas actividades organizadas pola federación de cooperativas Sinerxia, a Asociación de Empresarios Novos de Pontevedra ou a Cámara de Comercio, así como co xogo de creación de empresas da Rede Eusumo, que a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta desenvolverá o mércores 23 na Casa das Campás.
Pont Up Store amosará diferentes xeitos de facer emprendemento innovador: dende o éxito e dende o fracaso (FuckUp Nights)
Compartir Este Artigo

