Give Vision, FirstV1sion e Smart Drone, start-ups da aceleradora Telefónica Open Future, presentarán as súas tecnoloxías en Wired 2015, a conferencia anual sobre innovación que organiza a publicación tecnolóxica do mesmo nome. A cita será en Londres os días 15-16 de outubro. As tres novas firmas, aceleradas nas academias de Wayra (Telefónica) de Londres, Barcelona e México DF, foron seleccionadas para participar no Test Lab, un evento paralelo á conferencia onde os participantes na mesma teñen a oportunidade de coñecer e probar algunhas das tecnoloxías máis innovadoras.
A británica Give Vision salienta por ter desenvolvido o que se considera o primeiro software para unhas smart glasses que permite aos invidentes e persoas con discapacidade visual “a realización de múltiples tarefas e unha maior independencia”. Segundo explican dende Telefónica Open Future acerca do funcionamento desta ferramenta de Give Vision, “a través dunha cámara o software identifica o que ten diante e dille ao usuario de que se trata”. Contrólase a través dun dispositivo intelixente conectado á nube, permitindo co usas como ler textos, recoñecer obxectos e lugares ou localizar obstáculos no camiño.
Pola súa banda, FirstV1sion é unha start–up catalá acelerada na academia Wayra de Barcelona que desenvolveu un sistema de captación e retransmisión de imaxes a través do equipamento do deportista. Dito doutro xeito: o seu sistema achega imaxes que adoptan o punto de vista dos competidores, fornecendo ao espectador o privilexio de ver o que as/os deportistas ven. Segundo indicamos no seu día en Código Cero, a súa experiencia valeulle a FirstV1sion para ser a encargada de retransmitir en primicia (a través da canle Teledeporte) imaxes dos participantes no Campionato de España de Atletismo (Castelló, agosto de 2015).
Por último, Smart Drone é unha firma de Chihuahua (México) que desenvolve e fabrica drons intelixentes que poden gravar desde unha altura de ata 35.000 pés e deseñados para usos especializados como o control de pragas agrícolas ou de derrames petrolíferos no mar. A tecnoloxía permite a retransmisión de vídeo en tempo real por Internet; a gravación, edición e topografía en alta calidade, así como a detección doutros vehículos aéreos non tripulados ou aeronaves para evitar accidentes.
Tres firmas aceleradas por Telefónica Open Future no Wired 2015
Compartir Este Artigo

