
O galardón achegado polo centro galego insírese no seu compromiso por fomentar a excelencia do capital humano no hipersector TIC. Gorostidi, pola súa banda, amosou o seu agradecemento ao devandito Colexio Oficial e máis a AtlantTIC, e máis tendo en conta que o recoñecemento devandito de mans das ditas entidades, sinalou, podería facilitarlle nun futuro a volta á súa terra (arestora traballa en Reino Unido) para seguir desenvolvendo o seu labor de investigación máis preto das contornas educativas e empresariais que lle serviron de palestra profesional.
Por certo que na gala do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación tamén se recoñeceu a importante contribución tecnolóxica da investigadora galega Mónica Portela, enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e investigadora de AtlantTIC, que, como sinalamos hai uns días dende Código Cero, foi galardoada nesta edición co Premio Astellia á Mellor Traxectoria Académica en Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase, como lembraremos, do segundo galardón que premia a traxectoria académica de Portela, que xa en 2013 obtivo o Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia pola enxeñaría técnica; mentres que este novo galardón corresponde á enxeñaría superior.
Volvendo ao certame no que participou AtlantTIC, sinalar que a convocatoria dos Premios Enxeñeiros de Telecomunicación do COIT consta de tres categorías cun total de 33 enxeñeiros premiados: o galardón á mellor tese doutoral, cun premio valorado en 2.000 euros; ao mellor proxecto fin de carreira ou traballo fin de máster, cunha dotación económica de 1.000 euros; e o premio á mellor traxectoria académica en Enxeñaría de Telecomunicación, valorado tamén en 1.000 euros. Ademais, todos os premiados, un total de 33 enxeñeiros, obteñen un ano de colexiación e asociación de balde.
AtlantTIC entregou un dos premios COIT á mellor traxectoria académica de Enxeñaría de Telecomunicación
Compartir Este Artigo

