A Coruña é a cidade do ámbito estatal máis disposta a apostar de cheo polo coche compartido e, en en consecuencia, polo uso de servizos tecnolóxicos que favorecen esta opción económica e sustentable para efectuar desprazamentos, servizos como o recente GOI (impulsado pola galega Yaiza Canosa) BlaBlaCar (do que tiramos moito partido os galegos, á cabeza de España), ou ben unha plataforma que precisamente viu a luz na propia cidade galega: Diacamma, da que falamos arreo dende Código Cero con motivo da súa posta en marcha. A posición de líder da Coruña a prol deste tipo de recursos figura na segunda Radiografía dos Hábitos de Mobilidade dos Españois, feita polo Foro de Mobilidade promovido pola firma Alphabet. No estudo, amais do devandito dato, sinálase que a metade dos cidadáns da cidade galega xa compartiu vehículo algunha vez.
Ademais, o 64% considera ao vehículo eléctrico como a solución ideal de mobilidade urbana, e o 61% prefire utilizar o autobús e o 57% dos residentes desprázanse parte dos seus desprazamentos habituais a pé, mentres que e o 33% dos enquisados utiliza o automóbil. En palabras de Rocío Carrascosa, directora do dito Foro, “agora que se fala tanto da contaminación nas cidades, os coruñeses demostran que o coche compartido é unha boa opción para aforrar e para contribuír a mellorar o medio ambiente”.
Como dixemos, na investigación sinálase que case a metade dos coruñeses (49%) declaran ter compartido coche en polo menos unha ocasión ao longo da súa vida, o que sitúa á cidade galega como “a que atesoura máis inclinación, de todo o territorio estatal, por apostar por esta alternativa á mobilidade”, infórmase no estudo, onde tamén se engade que “dos entrevistados que afirman ter compartido coche nalgunha ocasión, o 56% recoñece facelo por aforrar, o 42% por ser a opción que lles resulta máis cómoda e de momento só o 2% por motivos ecolóxicos”. A maiores, tamén se sinala que a metade da cidadanía da urbe herculina asegura ter empregado algún tipo de aplicación para a localización de rutas alternativas, así como para o aforro de combustible. Así mesmo, un 20% dos enquisados asegura utilizar o teléfono móbil cando conduce, aínda que a gran maioría declara utilizalo mediante un sistema de mans libres.
A Coruña é a cidade do eido estatal máis disposta a compartir coche
Compartir Este Artigo

