Dous informáticos galegos lanzan unha comunidade para compartirmos gastos de transporte urbano, Diacamma
xoves, 12 de febreiro do 2015
Ten futuro na nosa terra algo semellante a Uber? Hai
posibilidades de achegar unha plataforma para aforrarmos custes de
transporte a través das TIC sen rematar coma o dito servizo, que
tivo que cesar temporalmente as súas actividades en España?
Ben, todo depende de como se presente e de coidar non entrar en
competencia con outros sectores plenamente afianzados. O que si que
está claro é que para os responsábeis de Diacamma,
a resposta ás preguntas coas que abrimos este artigo é cen por cen
positiva. Diacamma é un novo servizo galego posto en marcha na
Coruña e que se centra sobre todo en achegar solucións alternativas
para o transporte urbano. Segundo
conta GCiencia ten máis semellanzas con Blablacar que con Uber.
O servizo galego ten arredor de dous meses de vida e
o seu nome, para quen non o saiba, alude a un tipo concreto de
formiga, da subfamilia Ponerinae, moi presente en Oceanía e Asia, e
que entre outras características presenta a particularidade de non
ter raíña. Como é de supoñer, a razón de que os responsábeis da
comunidade tiveran elixido o devandito nome ten relación,
precisamente, co feito de que estes insectos non teña “xefa”. Ou
sexa, que con Diacamma alúdese claramente ás vantaxes de xuntar un
colectivo non xerárquico onde todo o mundo bote unha man,
libremente, para conseguir obxectivos que doutro xeito (a título
individual) serían inviábeis. Neste caso concreto, un dos
obxectivos a conseguir é ben ambicioso: reducir de xeito gradual
pero sensíbel a cantidade de tráfico que se move nas nosas cidades.
Ou sexa, que se minimicen os transportes innecesarios (tantos) e,
tamén, que se rendibilicen as viaxes e os desprazamentos poñendo un
mesmo vehículo ao servizo de varios ocupantes. A maiores, os
creadores de Diacamma queren que para todos aqueles aos que non lles
queda máis remedio que usar o vehículo propio ou o taxi, o custe de
combustíbel ou peaxes non lles resulte tan difícil de asumir.
Trátase pois de crear unha comunidade de usuarios
conectados a través da súa plataforma dispostos a compartir medios
de transporte. O servizo céntrase nun principio en actuar sobre
traxectos curtos, sobre todo urbanos, como desprazamentos ao traballo
ou a distintos eventos. Con todo, os responsábeis da comunidade non
pechan a posibilidade de ampliala a usuarios que realizan viaxes
longas. A principal diferenza con Uber radica na súa arela de lucro:
en Diacamma directamente non existe. Polo tanto, a súa actividade
non se pode confundir nin emparellar coa de Uber de ningunha maneira.
Do que se trata é de permitirlles aos condutores e internautas un
xeito de non deixarse medio soldo na estrada. Por certo que a orixe
do servizo está precisamente na constatación do difícil que asumir
este tipo de gastos cando os ingresos se manteñen ou mesmo
desaparecen por mor da crise. Isto, sumado á comprobación do
elevado número de automóbiles e vehículos diversos que circulan
polas cidades medio baleiros, foron os ingredientes básicos para a
posta en marcha de Diacamma. Detrás deste innovador servizo están
os informáticos galegos Rubén Quintela e David Tubío.