Telefónica anunciou hoxe o establecemento dun acordo con China Unicom (a única operadora de telecomunicacións chinesa china que cotiza nas bolsas de Nova York, Hong Kong e Shanghai) destinado a dar forma a unha empresa conxunta chamada Smart Steps Digital Technology Company Limited. Dende esta nova corporación achegaranse servizos de xestión de información masiva (Big Data) no país asiático. A firma resultante, ademais, apoiarase na extensa rede de telecomunicacións de de China Unicom así como na tecnoloxía de Big Data de Telefónica con servizos como Smart Steps.
Na joint venture creada, China Unicom e Telefónica contarán cunha participación de 55% e 45% respectivamente. A firma resultante, como dixemos, tirará partido da solución Smart Steps, a tecnoloxía desenvolvida por Telefónica para fornecer información baseada na xeolocalización e outros servizos de información masiva en contornas de privacidade e seguridade garantidas nesta nova contorna do país asiático por China Unicom.
Segundo lembra Telefónica, Smart Steps é un sistema que emprega datos anónimos e agregados da Rede que logo son extrapolados a través “dun exhaustivo proceso automatizado para ofrecer información útil sobre a localización e sobre mobilidade de maneira rápida”. Entre as vantaxes que fornece, a operadora española salienta a precisión da localización, a estandarización de produtos así como a marxe de adaptación e evolución das súas aplicacións de uso. “As características de Smart Steps”, engade Telefónica, “permitirán o seu uso en China en áreas tan diversas como a planificación e xestión de infraestruturas de transporte, urbanismo, xestión turística, seguridade pública, control de riscos financeiros, sector inmobiliario, consultoría de negocio e macro estatística”. Tamén se prevé incidir no fortalecemento da posición de China Unicom no sector das ferramentas de xestión de información masiva.
Polo que atinxe a Telefónica, a creación da empresa conxunta “supón o acceso a un mercado de Big Data cun altísimo potencial como é China, segunda economía mundial, e a primeira vez que a súa solución Smart Steps desprégase nun mercado onde non opera a compañía”.
China Unicom e Telefónica crean unha firma conxunta para a oferta de servizos Big Data
Compartir Este Artigo

