A Alianza a prol da Innovación na Internet das Cousas (AIOTI, polas súas siglas en inglés Alliance for Internet of Things Innovation) vai organizar un evento en Bruxelas sobre tecnoloxías IoT aplicadas aos ámbitos Smart Farming e Food Security (seguridade na alimentación e tecnoloxías intelixentes aplicadas ao agro, á gandería, á produción acuícola, etc). A xuntanza, que vén da man do grupo de traballo O6 da dita alianza, que lidera o centro tecnolóxico galego Gradiant, celébrase o vindeiro 15 de xaneiro. Trátase, máis polo miúdo, dun obradoiro sobre recomendacións para proxectos piloto a gran escala feitas públicas en datas recentes. Estas recomendacións, sinala Gradiant, foron remitidas á Comisión Europea para a súa valoración e teñen o obxectivo de marcar o devir das políticas da UE en materia de Investigación e Desenvolvemento no ámbito IoT (Internet das Cousas).
Segundo engade o centro tecnolóxico galego, nun primeiro intre o workshop en cuestión estaba previsto para o mes de novembro pasado, pero a alerta antiterrorista de Bruxelas fixo que fose pose preciso mudar de data.
Os obxectivos da xornada son moitos e variados. Durante a primeira parte da mesma, a Comisión Europea (DG Connect e DG Agri) dará a coñecer o Call IoT-01-2016 sobre pilotos a gran escala, máis en detalle o piloto número dous sobre Smart Farming & Food Security.
Pola súa banda, o WG06 da AIOTI encargarase de divulgar o traballo que se está a levar acabo ao abeiro da devandita Alianza e do seu grupo de traballo 06 en particular. A xornada ten entre as súas finalidades incrementar a presenza do usuario final das tecnoloxías da Internet das Cousas dentro de AIOTI WG06. A segunda parte do obradoiro está dirixida precisamente a estes usuarios finais, entre os que se contan agricultores, cooperativas, fabricantes de maquinaria, industrias alimentarias, loxística, minoristas e consumidores, sen esquecer a outros actores con intereses diversos en canto á agricultura intelixente ou a seguridade alimentaria.
A xornada tamén abranguerá actividades de networking e de intercambio de ideas e experiencias.
Gradiant e AIOTI organizan un evento sobre IoT aplicada á seguridade alimentaria e ao smart farming
Compartir Este Artigo

