O Goberno galego vén de facer reconto do acadado en 2015 polo portal de información turística da Xunta. A web, sinálase, acadou máis de 2 millóns de usuarios e foi quen de aumentar esta cifra de visitantes en arredor dun 22%. No que atinxe a páxinas vistas, o portal experimentou unha suba do 6%, “o que supuxo máis de 7,5 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses”, informaron os impulsores da web. Por procedencias, quen máis visita o portal son os españois, seguidos dos estadounidenses, os holandeses, os belgas, os franceses, os británicos e os portugueses.
No que respecta ao tipo de dispositivo empregado, rexistrouse un importante aumento das consultas feitas co móbil, malia o papel importante (aínda) despregado polo computador persoal, que segue a ser o aparello máis usado para acceder ao portal. O teléfono móbil incrementou a súa presenza como medio de visita nun 43,35%, mentres que o acceso dende tableta medrou o ano pasado o 36,76%.
Polo que respecta ás fontes de tráfico, estas son o buscador Google, que representou neste período de 2015 máis do 70% das visitas; e o tráfico directo á web, que representou máis do 16% en 2015. O resto de buscadores e as referencias recibidas das redes sociais completan o mapa de fontes de tráfico á web de Turismo de Galicia.
O portal turístico galego incrementou o número de usuarios nun 22%
Compartir Este Artigo

