Cando hai preto de tres anos WhatsApp comezou a facer efectiva a necesidade de pagar unha subscrición anual para poder acceder ao seu servizo, creouse bastante rebumbio porque moitos usuarios entendían que era de balde porque, aínda que se indicaba en todo momento que só era de balde o primeiro ano, o feito de que transcorrido tal tempo a renovación estaba a facerse de balde de xeito automático, fixo que o público entendese que xa non se tería que pagar por usar a popular aplicación de mensaxería instantánea. Dado que moitos usuarios non tiñan configurado un método de pagamento no seu móbil, WhatsApp tivo que artellar distintos mecanismos para facilitar tal operación, pero en certos mercados continua a ser demasiado complicado realizar un micro-pagamento, o que levou agora a que decidisen finalmente eliminar as cotas de subscrición de WhatsApp, segundo anunciou hoxe Jan Koum, un dos fundadores da compañía.
Koum asegurou nunha conferencia en Munich que o sistema de pagamentos non funciona ben (xa que as tarxetas bancarias non son algo que estea ao acceso de toda a poboación mundial), e aínda que polo momento non deixan entrever como farán para que o servizo poida ser rendible se non cobran polo mesmo, dende WhatsApp non queren pór barreiras ao uso da súa plataforma. Koum concreta que polo momento non teñen pensado introducir publicidade de terceiros na aplicación, pero si poderían comezar a facilitar o uso de WhatsApp por parte de empresas, por exemplo, para enviar códigos de autorización para operacións bancarias ou para que unha liña aérea poida dar conta do retraso dun voo, usos que actualmente non estaban permitido por parte de WhatsApp (que só aceptaba o uso persoal da súa plataforma). Dito doutro xeito: WhatsApp explorará novas ferramentas que melloren o servizo e que non supoña molestar aos usuarios con publicidade e spam.
Deste xeito, WhatsApp parece que vai seguir o mesmo camiño que Facebook Messenger, converténdose nunha plataforma de balde para o público masivo, pero con servizos para empresas que poidan facer rendible o servizo.
Durante a súa intervención no congreso DLD Koum tamén asegurou que WhatsApp non almacena datos persoais, agás os números de teléfono, non conservando as mensaxes nos seus servidores, xa que están orientados á comunicación e non ao tratamento de datos, o que debería ter aos seus usuarios tranquilos e que explicaría en boa medida os problemas de entendemento que teñen con algunhas autoridades xudiciais e gobernamentais, que buscan controlar o servizo dun xeito que non é posible (e que podería estar detrás do conflito que hai entre WhatsApp e as autoridades brasileiras).
Actualmente WhatsApp ten 430 millóns de usuarios activos diariamente (boa parte en Europa), con máis de 60.000 millóns de mensaxes intercambiadas ao día, polo que estamos ante unha plataforma que continúa a medrar en uso, chegando a converterse en moitos mercados como o auténtico vampirizador das mensaxes de texto no móbil.
WhatsApp elimina as cotas de subscrición
Compartir Este Artigo
