Este luns presentouse no Campus de Ourense a nova convocatoria, a quinta, dos Premios INCUVI-Emprende da Universidade de Vigo. O acto, no que tamén se deron a coñecer os primeiros Premios INCUVI-Avanza, fíxose saber que estes recoñecementos teñen aberto o seu prazo de inscrición ata o día 3. Na presentación animouse aos membros da comunidade universitaria a presentar as súas ideas de negocio. Para traballar neste obxectivo de dar folgos, ademais das entidades patrocinadoras estiveron nas mesas de presentación os membros de Meigalabs e iBeeTel, dous dos tres proxectos galardoados na anterior edición do certame en Ourense.
Os emprendedores responsables destas dúas empresas (mergulladas a día de hoxe no seu pleno afianzamento no mercado) recomendaron a concorrencia nesta iniciativa porque “non se perde nada, só se pode gañar, gañar un espazo de balde durante un ano e asesoramento especializado”.
A presentación dos premios no campus reuniu aos representantes de todas as entidades implicadas nesta iniciativa en Ourense, estando Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus; Adela García-Pintos, directora da Área de Emprego da Universidade; Ricardo Capilla, director xerente da Tecnopole; Rubén Vázquez, da Confederación de Empresarios de Ourense; Enma González, de Expourense; Lois Babarro, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, e Victoria Rois, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Ourense.
No acto, o vicerreitor apuntou que estes galardóns son “unha xanela de oportunidades moi interesante para calquera ámbito de coñecemento, non só para o tecnolóxico” e “o primeiro paso para moitas persoas que desexan emprender”. Como representante da principal entidade patrocinadora dos premios no Campus de Ourense, a Tecnopole, Ricardo Capilla salientou como estes galardóns xorden da simbiose entre “a universidade como canteira de formación e o parque empresarial como o ecosistema no que desenvolverse”.
Os Premios INCUVI-Emprende teñen por obxectivo promover e premiar a elaboración dunha idea de negocio creativa baseada en calquera das ramas do coñecemento da Universidade de Vigo. O certame, para quen non o saiba, subvenciona no caso de Ourense os custes da estadía por un período máximo dun ano de catro espazos na Tecnopole, no Parque Tecnolóxico de Galicia. Poderán presentar a súa idea de negocio alumnado actual e persoas tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2012/13 ou posteriores, podendo ser os proxectos elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas.
Volvendo aos proxectos Meigalabs e iBeeTel, os seus membros sinalaron no acto que “para nós foi e é unha grande axuda contar cun ano de alugueiro de balde e con todos os gastos pagos. Se tivésemos que asumir nós estes custes serían máis de 300 euros mensuais xa de partida. Tamén é moi importante todo o asesoramento que recibimos, sobre todo para a elaboración do Plan de Negocio, que logo precisas para presentarte a calquera convocatoria de axudas, para crear a empresa e para outras cuestións”.
Meigalabs e iBeeTel animan á comunidade universitaria a participar nos INCUVI-Emprende
Compartir Este Artigo

