Tras rexistrar unhas perdas de 4.359 millóns de dólares en 2015, fronte ao beneficio neto de 7.522 millóns de dólares do ano anterior, Yahoo ten que afrontar un “agresivo plan estratéxico” que inclúe o despedimento do 15% do seu cadro de persoal (uns 1.600 traballadores) e o peche das súas oficinas en Milán, Buenos Aires, Cidade de México, Dubai e Madrid.
A compañía de Internet con sede en California prevé completar estes cambios durante o primeiro trimestre do ano, para reducir os seus gastos a curto prazo e poder así centrarse nas áreas de negocio que xeren máis ingresos. De feito, a compañía leva varios anos na mesma liña, e dende que Marissa Mayer colleu as rendas de Yahoo en 2012 o cadro de persoal xa se reduciu un 42%, freando a acentuada caída dunha compañía que chegou a ter unha posición de liderado no segmento das buscas na Internet, negocio no que non foi capaz de manterse ante a forte emerxencia de Google, que aniquilou a todos os seus competidores nos mercados occidentais.
Actualmente Yahoo centra o seu negocio no vídeo, os móbiles e as redes sociais, mantendo tamén bastantes usuarios no seu servizo de correo electrónico, pero tendo uns gastos operativos bastante elevados, que non é capaz de compensar cos seus ingresos.
Yahoo pechará as súas oficinas en España
Compartir Este Artigo
