O director da Cátedra Google-España, José Luis Piñar, impartiu un relatorio sobre Rede e privacidade na Casa das Campás de Pontevedra (Campus de Pontevedra). Piñar, que é tamén catedrático da Universidade CEU-San Pablo, abordou na súa intervención a temática da liberdade na Sociedade da Información, liberdade de expresión e información, e de como esta pode enfrontarse de cheo contra o dereito á privacidade das persoas e, máis polo miúdo, o dereito ao esquecemento que debe asistir (en maior ou menor medida) a todo internauta que atope na Rede información lesiva para a súa persoa. O relatorio encadrouse na conferencia que abriu o curso As redes sociais e a protección de datos de carácter persoal, que forma parte da oferta formativa de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do Campus.
Piñar, como lembraremos ex director da Axencia Española de Protección de Datos e un dos integrantes do comité de expertos que asesorou a Google sobre os criterios que deben cumprirse para admitir nun internauta o dereito (ou non) ao esquecemento, sinalou na súa intervención que o devandito dereito “non é absoluto, senón que é necesario atopar un balance para que un político corrupto non poida pedirlle a un buscador que elimine toda a información que hai sobre el”. Asemade, dixo, esta posibilidade de ceibarnos na Rede de contidos lesivos para nós non é “máis ca unha forma máis do dereito de cancelación ou oposición” dos datos de carácter persoal. “As novas tecnoloxías racharon coas fronteiras do espazo e do tempo, pero non temos que estar condenados á memoria perpetua”, engadiu Piñar, que no seu relatorio estivo acompañado pola coordinadora do curso, a profesora Patricia Valcárcel, e polo tamén docente no mesmo Gregorio Andión, CEO de Entesar Solutions.
Piñar, no seu relatorio, achegou tamén unha serie de ideas que poderían axudar a decidir en cada caso se “debe prevalecer a privacidade ou a liberdade de expresión”. Máis polo miúdo, lembrou os criterios apuntados polo comité do que formou parte para determinar se debería ou non borrarse unha información. “O primeiro sería a relevancia pública da persoa”, salientou, mentres que o segundo “sería a relevancia pública da propia información”, xa que podería acontecer que na Rede puidesen atoparse datos sobre un personaxe público de carácter “exclusivamente privado”. A partires de aí, engadiu, este comité tamén avogou por ter en conta de cando é esa información, se se trata ou non de datos recentes, para por último ter en conta “onde está esa información, se se atopa nunha web seria, con códigos de conduta, ou nunha que se dedica a difamar ou publicar información falsa”. Segundo explicou, estes foron os criterios propostos a Google pero son uns criterios que non achegan, “evidentemente”, unha solución matemática.
O director da Cátedra Google-España impartiu un relatorio en Pontevedra sobre o dereito ao esquecemento
Compartir Este Artigo

