A semana pasada Facebook anunciou que comezaba a activar a nivel global a posibilidade de realizar retransmisións de vídeo en directo dende a súa aplicación para iPhone, adiantando que estaba a preparar a mesma funcionalidade dentro da aplicación para Android e a espera non foi longa, xa que hoxe mesmo anuncian que Facebook Live inicia a súa activación en Android, comezando polos EE.UU., para logo pasar a aplicarse a máis países.
Deste xeito Facebook busca parar os pés a Periscope, ferramenta emerxente de vídeo en directo que chega da man de Twitter, e que está comezando a ter grande relevancia, polo que a compañía de Mark Zuckerberg está a acelerar a implementación do seu servizo de vídeo en vivo para evitar que o seu competidor consiga converterse no referente do vídeo en directo dende o móbil.
Actualmente hai en funcionamento numerosos servizos que permiten transmitir vídeo en directo dende o móbil, pero ningún coa base de usuarios de Facebook, o que claramente converterá a esta funcionalidade nunha ferramenta de uso masivo que potenciará o consumo de vídeo. De feito, dende Facebook aseguran que o número medio de espectadores dun vídeo triplícase cando a retransmisión é en directo, de aí que esta funcionalidade teña tanto interese.
Con Facebook Live, rematada unha transmisión en directo o vídeo queda dispoñible para a súa reprodución en diferido na cronoloxía do seu creador, quedando na súa man se o vídeo permanece almacenado para compartilo cos amigos ou bórrase do sistema.
Facebook comeza a permitir emitir vídeo en directo dende móbiles Android
Compartir Este Artigo
