Durante a fin de semana Vinton G. Cerf transmitiu unha mala nova: o pasamento de todo un pioneiro da Internet, Raymond Samuel Tomlinson, considerado como o pai do correo electrónico moderno, xa que en 1971 desenvolveu a primeira aplicación de correo en rede de ARPANET combinando as aplicacións SNDMSG e CPYNET para permitir o intercambio de mensaxes entre ordenadores, á vez que elixiu o uso do símbolo da arroba para separar mas mensaxes locais das globais, de xeito que os enderezos pasaron a compoñerse como usuario@máquina, convención que aínda conservamos hoxe.
A aplicación de Tomlinson está considerada como un compoñente esencial de toda unha revolución na comunicación, facilitando unha ferramenta asíncrona que tanto particulares como empresas podemos empregar para intercambiar mensaxes e que, pese á emerxencia de tecnoloxías moito máis avanzadas, mantense como un dos servizos máis empregados na Internet, con máis de 1.500 millóns de usuarios en todo o mundo que poden comunicarse así superando as barreiras de tempo e lugar.
Tomlinson recibiu múltiples recoñecementos pola súa creación, como o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2009 (compartido con Martin Cooper), destacando especialmente o feito de que na listaxe de 150 innovadores e inventos e ideas do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) publicada polo Boston Globe en 2011 a figura de Tomlinson figura nun cuarto posto, só por detrás de logros como a Web, a secuenciación do xenoma humano e a invención do transistor.
Falece o pai do correo electrónico moderno
Compartir Este Artigo
