A semana pasada presentouse o Consello Galego de Enxeñarías (CGES) no que participa, entre outros, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, o COETG. A entidade xorde co obxectivo de promover a coordinación e buscar sinerxías entre as diferentes pólas dun mesmo tronco (a enxeñaría en xeral). Na presentación participou o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, que salientou a importancia da entidade como tal, creada nun intre “no que se están a afrontar grandes desafíos de carácter multidisciplinar”. O CGES está integrado, tamén, polos colexios galegos de Enxeñeiros Agrónomos, Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enxeñeiros ICAI, Enxeñeiros Industriais, Enxeñeiros de Minas, Enxeñeiros de Montes e Enxeñeiros Navais e Oceánicos.
A primeira presidencia do Consello recae en Ricardo Babío, do colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos. Segundo fixo saber, a fronte común nace co obxectivo “de ser a voz unificada dos cinco milleiros de profesionais dun sector altamente cualificado ante a sociedade galega”. Polo tanto, un dos grandes desafíos cos que comeza a súa andaina é representar “o factor tecnolóxico” perante toda a cidadanía da nosa terra por enteiro pero tamén perante as administracións públicas, as entidades, as corporacións e as persoas físicas e xurídicas, “ofrecendo recomendacións e consellos en calquera aspecto que sexa de interese para a sociedade”. Nun plano máis concreto, o Consello abrirá actividade en datas vindeiras coa organización de eventos en xeral, congresos e xornadas divulgativas, amais de cursos formativos e recoñecementos.
O COETG participa na creación do Consello Galego de Enxeñarías
Compartir Este Artigo

