Cando falamos de incrementar a batería dos nosos dispositivos móbiles son moitos os mitos que cómpre desbotar, que veñen arrastrados normalmente de anteriores tecnoloxías de batería, e agora unha práctica de moitos usuarios de iPhone e iPad podería desaparecer grazas a que dende Apple apuntaron a que non era necesaria: o peche de aplicacións na sección de multi-tarefa.
Non son poucos os usuarios que limpan a listaxe de aplicacións en multi-tarefa pensando que así o sistema vai máis rápido e a batería dura máis, e dubidando diso un lector de 9to5Mac consultou por correo electrónico a Tim Cook sobre o asunto, recibindo a continuación unha resposta do máximo responsable de iOS, Craig Federighi, quen ante a pregunta “pechas as túas aplicacións en multi-tarefa en iOS con frecuencia e é isto necesario para a autonomía?”, ao que a resposta foi un contundente “non e non”.
Estamos ante a primeira ocasión na que Federighi responde unha comunicación dirixida a Cook, dando a impresión de que a compañía quería deixar moi claro que estamos ante unha característica do sistema operativo na que insisten dende hai moito tempo, e que os usuarios non rematan de entender (afeitos a como funcionan outros sistemas operativos).
En iOS as aplicacións que aparecen na listaxe de multi-tarefa non quedan en segundo plano, como pode suceder en Android ou en Windows, senón que quedan conxeladas, de xeito que non consumirían batería. As únicas aplicacións que consumirían recursos serían as que se executan de fondo, como podería ser un navegador GPS ou un reprodutor de música, pero no resto de casos o consumo é inexistente, o que é unha das grandes vantaxes de iOS (e tamén un das súas grandes eivas, xa que non son poucos os que critican que o sistema operativo móbil de Apple non teña multi-tarefa real).
Apple confirma que en iOS non hai que pechar as aplicacións que non usemos para aforrar batería
Compartir Este Artigo
