Xerox vén de lanzar internacionalmente o servizo Xerox Easy Translator, que vén a ser un servizo de tradución multi-plataforma, dispoñible en distintas formas entre as que destaca especialmente o feito de poder introducir un texto en papel nunha das impresoras multi-función da compañía para que na bandexa de saída apareza o contido traducido a un dos 37 idiomas soportados (que serían 44 se atendemos ás distintas variantes locais diferenciadas polo servizo).
Esta tecnoloxía tamén está dispoñible a través unha aplicación móbil para Android e para iOS, de xeito que tamén estaría aberto a usuarios que non posúen unha impresora Xerox, e ofrécese mediante subscricións que van dende 10 dólares para 10 páxinas en 12 meses ata 500 dólares para 10.000 páxinas en 12 meses, podendo avaliarse o funcionamento do servizo mediante unha subscrición de 30 días na que será posible remitir ata 30 páxinas que se traducirán automaticamente. Aparte da económica tradución automática, o servizo tamén conta con modalidades exprés, profesional e experta na que cobran por palabra e fan uso de profesionais para o traballo (pensando principalmente en documentos que vaian saír do seo da empresa ou que incluso poidan trasladarse a contratos).
Aínda que os servizos de tradución automática de balde son moi populares actualmente, servizos deste tipo poden resultar atractivos polas facilidades de integración que teñen co fluxo de traballo corporativo.
Vídeo promocional dos novos servizos de tradución de Xerox
