Este luns 14 rematou o obradoiro de emprego Smart Ferrol, unha actividade do Concello dirixida a mozas e mozos de menos de 30 anos e co obxectivo de achegarlles coñecemento práctico e de utilidade laboral en materia de novas tecnoloxías. A conclusión do taller complementouse coa entrega de diplomas aos nove mozos e seis mozas que participaron dende o 15 de setembro nesta actividade de formación retribuída que se levou a cabo no Centro Municipal de Catabois. O acto institucional desenvolveuse no salón de recepcións do consistorio. O alumnado recibiu as acreditacións formativas de mans do alcalde, Jorge Suárez, e da concelleira de Economía, Facenda e Emprego, Eugenia Freire, así como o director do curso, Alberto Vélez.
Segundo se fixo saber no remate do obradoiro, durante o formación (teórica e práctica) do mesmo, o alumnado percibiu unha retribución salarial a través dun contrato de aprendizaxe “que concordou co salario mínimo interprofesional, fixado en 648,60 euros ao mes”. E engadiu o rexedor: “Este era un obxectivo que nos marcaramos, que a formación e o traballo estivera retribuída dignamente”.
Pola súa banda, a concelleira Freire manifestou que na prioridade deste Goberno local está “pelexar por cada emprego, posto, curso e obradoiro para empurrar a creación de novos postos de traballo petando na porta de todas as Administración e mobilizando os recursos propios concentrados neste obxectivo para o mandato”. Desde o Goberno local agradeceuse especialmente “o traballo feito polos técnicos e funcionarios de Emprego para levar a bo fin estes obradoiros formativos”.
Smart Ferrol
Como lembraremos, Smart Ferrol está especialmente enfocado as persoas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O alumnado que chegou ao remate dos seus estudos formouse no deseño e realización de páxinas web que integrasen textos, imaxes e outros elementos a través do JavaScript. O importe total do curso, que cofinancian Concello e Xunta, foi de 131.000 euros.
O proxecto, que iniciou a súa andaina o 15 de setembro de 2015, tivo unha duración de 6 meses combinando a formación teórica coa realización de prácticas. Ademais dos contidos relacionados co certificado, impartiuse formación transversal nos seguintes bloques temáticos: Igualdade de xénero, Orientación laboral, Sensibilización ambiental, Creación de empresas, Técnicas de busca de emprego, Informática e Prevención de Riscos Laborais. Segundo informou onte o Concello de Ferrol, a parte práctica do proxecto estivo enfocada “ao impulso da innovación e a modernización da Administración local a través das novas tecnoloxías”. A fío disto desenvolvéronse varias páxinas web para o Concello e modificáronse algunhas xa existentes, sendo o obxectivo disto “pór en valor distintas actividades e facilitar o acceso público a información”.
A mocidade participante na formación de Smart Ferrol recibiu o seu diploma
Compartir Este Artigo

