Antonio Rodriguez del Corral, presidente do Clúster TICO Clúster TIC Galicia vén de informar da obtención dun importante recoñecemento ao seu labor. Trátase do distintivo Ouro (Gold Label) outorgado polo European Secretariat for Cluster Analysis (ESCA), acreditación obtida logo de ter superado a plataforma empresarial galega unha auditoría interna por parte de expertos en excelencia de clústers empresariais. O seu traballo desenvolveuse ao longo do pasado mes de novembro. Segundo fai saber a organización galega, esta insignia obtense ao superar “de modo satisfactorio” unha auditoría consistente en 31 indicadores de xestión referentes a organización interna, relación cos asociados e o sector, proxectos en curso ou estratexia a longo prazo das entidades clúster. En virtude deste “selo de calidade”, a entidade TIC galega (posuidora ata este intre da Etiqueta Bronce) veu ratificado o seu traballo cunha distinción de excelencia a nivel europeo, “que estará vixente durante, ao menos, os vindeiros dous anos”. A presente iniciativa contou co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) como principal responsable da política de clústers en Galicia, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.