Santiago vai contar cunha ferramenta informática para mellorar a súa sustentabilidade. Así o deu a coñecer o Consorcio da cidade, que participa nun proxecto europeo (FASUDIR) destinado a incrementar a eficiencia enerxética de contornas urbanas do ámbito da UE a través dun recurso dixital. Esta iniciativa púxose en marcha en 2013 e rematará a finais deste ano. Está integrado por 11 socios de cinco países: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña. Entre os tres participantes estatais está o Consorcio de Santiago. A capital galega concorre como “caso de estudo”, xunto con barrios de Frankfurt e Budapest. Os participantes proxecto reuníronse os días pasados Roma, onde se presentou unha versión avanzada da ferramenta.
A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto, Idoia Camiruaga, informa que “esta ferramenta simula as condicións climáticas e socioeconómicas dun distrito urbano co propósito de determinar que áreas e mesmo que edificios teñen, en relación ao consumo, entre outros indicadores, máis capacidade para producir enerxías renovables e cales, pola contra, están en peores condicións para acadalo”. Segundo engade, no caso compostelán pártese “dunha área da cidade histórica que abrangue os barrios do Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre”. Trátase, explica, “dunha área rica socialmente, cunha variedade de usos moi alta, con vivendas históricas e do século XX, edificios de uso universitario, sociocultural, deportivo, aparcadoiros… e tamén con moito espazo verde”. A ferramenta, di, será de gran utilidade para os responsables políticos, os propietarios ou os administradores de fincas, xa que lles vai permitir escoller a estratexia de rehabilitación máis axeitada dende o punto de vista enerxético, ambiental e socioeconómico.
Santiago fará uso dunha ferramenta dixital para mellorar a súa sustentabilidade
Compartir Este Artigo

