En aplicacións como Photoshop, Lightroom e Aperture é habitual o uso de engadidos que potencien as súas funcionalidades para a mellora ou personalización de fotografías para darlles un toque profesional ou conseguir fermosos efectos artísticos, entre as que se atopan solucións como a Nik Collection, unha serie de engadidos para aplicacións de retoque fotográfico que grazas a un acordo con Google pasan de venderse a un prezo de 149 dólares a ofrecerse completamente de balde. Cómpre lembrar que esta colección foi adquirida pro Google en 2013, cando decidiron reducir o seu prezo a 149 dólares, xa que anteriormente vendíase a 499 dólares.
Este tipo de engadidos permiten axilizar os traballos de retoque fotográfico no escritorio informático e no caso da Nik Collection comprende os seguintes plug-ins: Analog Efex Pro (que dota a imaxes dixitais da aparencia de fotografías tomadas con cámaras analóxicas), Color Efex Pro (recolle distintos filtros de corrección de cor e efectos creativos), Silver Efex Pro (achega controis para crear fermosas instantáneas en branco e negro), Viveza (facilita axustes de cor e ton sen ter que realizar complexas máscaras e seleccións), HDR Efex Pro (permite explorar o potencial da fotografía HDR), Sharperner Pro (permite enfocar os detalles que queremos destacar) e Dfine (reduce o ruído nas nosas fotografías).
Google ofrece de balde unha colección de engadidos para Photoshop
Compartir Este Artigo
