Medio Ambiente e a FEGAMP presentaron hoxe un acordo para equipar os puntos limpos da nosa terra coas tecnoloxías precisas para a recollida e clasificación de refugallos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). O convenio foi asinado e dado a coñecer pola conselleira Beatriz Mato e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo L. García. A alianza ten a súa raizame nas obrigatoriedades implícitas no Real Decreto 110/2015, do 20 de febreiro, de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, que establece novos requirimentos e esixencias aos puntos limpos en materia de recollida e clasificacións dos RAEE.
Polo tanto, fixeron saber, o acordo diríxese a contrarrestar a seguinte realidade: a imposibilidade económica dos concellos para facer fronte a ditas adaptacións das súas instalacións. A liña de colaboración presentada hoxe conta cun orzamento de 536.000 euros para axudar ás administracións locais a cumprir con estas obrigas.
En base a esta alianza, co-financiada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, facilitarse a estas entidades municipais ou supramunicipais medios para pesar este tipo de residuos, marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade, así como carteis distintivos correspondentes ás distintas fraccións de RAEE.
Ambas institucións consideran “que a xestión de refugallos electrónicos e eléctricos constitúe un dos piares básicos de benestar, polo que esta colaboración representa un plan de adaptación dos puntos limpos e das instalacións de recollida municipais, co fin de mellorar e actualizar o seu funcionamento”.
Tal e como se recolle no texto do convenio, unha das obrigas da FEGAMP será trasladar ás entidades locais o presente convenio e as posibilidades que brinda esta colaboración en materia de recollida selectiva; para o que será preciso adherirse. Para poder solicitar a adhesión deberán reunir as seguintes características: estar autorizadas para a xestión do punto limpo, ou en trámite de obter a autorización; estar adheridas ao Convenio Marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e ordenación do Territorio e as Entidades Xestoras dos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos vixente e non ter sido obxecto de sanción firme por deficiencias na xestión do punto limpo no último ano. Aquelas entidades que se adhiran voluntariamente ao convenio deberán comunicalo no prazo dun mes.
Os puntos limpos da nosa terra contarán con equipamento para a clasificación de RAEE
Compartir Este Artigo

