Na mañá de hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Ramón Bermúdez de Castro, asinaban un acordo de colaboración que fará realidade un proxecto para o despregue avanzado de infraestruturas TIC nos concellos. A iniciativa conxunta abranguerá os novos aspectos e cambios normativos de interese para a Administración Local. Falamos da nova Guía de boas prácticas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.
Esta proposta quer ser unha vía de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento cotián destas entidades locais.
Cómpre subliñar que este pacto contempla que a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia poña á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. O dito servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 (de luns a venres de 9 a 14 horas) e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
Alén disto, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que polas súas características específicas requiran de medidas de control concretas.
Engadir que a AMTEGA achegará á AETG 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen neste acordo.
A AMTEGA e a AETG darán claves aos concellos sobre equipamento TIC
Compartir Este Artigo

