A firma Inycom, con sede en Zaragoza, vai organizar este mércores 6 de abril (Hotel Attica 21) un encontro sobre tecnoloxías ao noso alcance para protexer a nosa actividade e coñecemento ao abeiro dos ámbitos dixitais. A cita, programada en colaboración VMware e Palo Alto Networks, desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Seguridade Corporativa na era das Redes Definidas por Software. Segundo nos avanzan dende Inycom a conto dos “porqués” da xornada, “un dos principais atrancos co que se atopan as compañías no seu día a día é a capacidade de despregar servizos de seguridade ao mesmo ritmo que os despregamentos de máquinas virtuais”. E todo isto, sen comprometer o nivel de protección. O encontro desta cuarta feira diríxese pois a subir ás nosas firmas ao carro do dito despregue.
Na cita participarán expertos en virtualización de rede e ciberseguridade abordando “desde unha ampla perspectiva” os grandes retos das empresas na era das SDN. En termos concretos, tentarase responder polo miúdo a preguntas coma as que seguen: Como protexernos perante posibles ataques corporativos? Como pór en marcha un plan de respaldo ante desastres? Como afrontar os novos desafíos dos Centros de Procesamento de Datos, das necesidades de seguridade na contorna móbil ou da micosegmentación?
Por outra banda, os asistentes poderán coñecer distintos casos de éxito da man dos especialistas Raquel Ramo, xefa de Produto de Inycom e Luis Lopez, enxeñeiro de Sistemas de Palo Alto Networks, así como probar un demostración na que se poderá ver como operar e integrar os NGFW de Palo Alto coa tecnoloxía de VMware NSX.
Inycom, VMware e Palo Alto achegarán na Coruña recursos para optimizar a nosa seguridade
Compartir Este Artigo

