Os estudantes da Facultade de Belas Artes (Campus de Pontevedra) veñen de pór en marcha unha nova web para dar a coñecer o talento das creadores e creadores que alí se xuntan. Trátase de Espazo 23, unha coidada web, moi destacable no formal e máis no fondo, que recolle para si o nome do lugar onde se desenvolveron boa parte das xuntanzas que deron orixe ao proxecto. A páxina, un espazo no “que amosar o que facemos”, sinalan, adícase a dar conta dos proxectos, nos eidos da arte e do deseño, tanto do alumnado como dos estudantes que acadan cadansúas titulacións.
Trala posta en marcha de Espazo 23, a xeito de principais impulsoras, atópase un grupo constituído polas artistas Ana Pérez, Dana Troiteiro, Bea Gregores, Arze, Miriam Iglesias, Nerea Castro e Nuria Carbó. Nesta súa primeira andaina, a web-exposición está a amosar as obras de estudantes e titulados como Alba Fandiño, Carlos Aldao, Mónica Bastón ou o Carlos Aldao, do estudo Huecocreativo. Segundo as impulsoras da iniciativa, Espazo 23 é o resultado final “dun proxecto que vén de longo, ao que levabamos dándolle voltas moitos meses, e que pasou por moitas fases, en constante evolución, e todo co propósito de avanzar desde o actual formato, próximo ao dunha revista dixital, cara a un formato e uns contidos máis experimentais”. Segundo indica, a intención é que “evolucione cara algo máis próximo ao libro de artista, neste caso dixital”.
Os primeiros contidos abrangueron a realización de entrevistas a alumnos e egresados, coa idea de dar a coñecer a iniciativa e axudar a que esta se consolide e siga medrando. De feito, entre os retos vindeiros e inmediatos, as responsables da web tentarán incorporar a novos alumnos e alumnas a un proxecto “no cal todos poden participar e amosar o seu traballo”, de tal maneira que “ideas e diferentes axuden tamén a esa evolución” do portal.
As estudantes de Belas Artes (Pontevedra) lanzan web para amosar os seus proxectos
Compartir Este Artigo

