O operador galego de cable R, integrado agora de Euskaltel, vén de facer reconto de cifras e de obxectivos. Segundo fixeron saber hoxe os seus responsables nun encontro cos medios, foi quen de pechar 2015 con preto de 297.000 clientes (250.000 residenciais e 47.000 empresas), o que representa “un 2,2% máis que en 2014”. Ademais, no pasado exercicio R acadou as 397.000 liñas de voz móbiles (335.000 de particulares e 62.000 de empresas) o que supón, en palabras da compañía de telecomunicacións, un aumento do 11,2% con respecto ao ano anterior.
Segundo dixeron, “a empresa superou ás grandes multinacionais do sector en Galicia e foi quen, igualmente, de manter o liderado en móbil alí onde está presente coa súa rede de fibra óptica”. No acto coa prensa, celebrado na Coruña, participaron o director xeral do Grupo, Fernando Ojeda, o director de R, Manuel Salaverría, o director da División Residencial de R, Alfredo Ramos, e o director de Innovación e Desenvolvemento de Negocio do Grupo, Antonio Rodríguez del Corral.
Respecto de clientes particulares de R que contrataron móbilR, sinalaron que a cifra está arestora nos 210.000, un 84% do total. Asemade, sinalaron, o 60,3% dos clientes particulares de servizos fixos de R teñen contratado o seu servizo de televisión, (45,5% en 2014), e a porcentaxe de clientes con banda larga supera xa o 85,3%. Tamén coincidiron en afirmar que boa parte da confianza dos clientes amosouse no número de produtos contratados a peche de 2015, que foi de 995.000 produtos (teléfono fixo, internet, televisión e móbil, entre residencial e empresas), cun incremento dun 8,5% con respecto ao ano anterior.
A maiores, fixeron saber que R foi quen de manter en 2015 “o seu esforzo investidor en Galicia”, con 55,9 millóns de euros a peche de ano e un investimento acumulado en Galicia “que supera xa os 1.153 millóns”. Nun plano máis concreto, os ingresos de explotación da compañía chegaron nesa data aos 246,4 millóns de euros e o ebitda acadou os 108,6 millóns.
Polo que atinxe á tecnoloxía 4G, sinalar que boa parte dos esforzos vindeiros centrarase neste punto: no servizo 4G que a operadora proxecta ofrecer de maneira gradual aos seus clientes a partir de verán. Con este obxectivo, dixeron, “realizarase un considerable investimento en infraestrutura de rede que permitirá gozar de todas as vantaxes desta tecnoloxía avanzada máis rápida e de meirande capacidade”. Tamén explicaron que nun futuro próximo “está previsto o despregamento dunha rede propia 4G de R para lles facilitar de xeito directo aos clientes do operador galego o servizo de móbil e, por suposto, a tecnoloxía 4G”.
R pechou 2015 con 297.000 clientes, un 2,2% máis
Compartir Este Artigo

