Esta mañá inaugurouse o Edificio Tecnolóxico Aeroespacial en Nigrán, punto de encontro para investigadores e emprendedores dos sectores aeronáutico e aeroespacial, nun acto no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen avogou por seguir apostando pola innovación académica e pola innovación empresarial e afirmou que para reforzar esta aposta é preciso xerar confianza e para iso é necesario que Galicia teña un marco lexislativo estable, atraer investimentos foráneos e propoñer unha visión estratéxica que permita captar fondos europeos. É necesario tamén potenciar un ecosistema innovador: reter o talento e reforzar o tecido de centros do coñecemento, como as universidades ou os centros tecnolóxicos.
Logo de asegurar que este novo edificio permitirá impulsar o sector aeronáutico e aeroespacial, Feijoo afirmou que nel colaborarán algúns dos mellores enxeñeiros de Galicia, os que investigan en centros tecnolóxicos como Aimen e Gradiant e na Universidade de Vigo. “E tamén será, nun futuro, un polo que atraia aos titulados no grao en Enxeñaría Aeroespacial que ofrecerá esta Universidade no seu campus de Ourense”, dixo o mandatario autonómico, quen engadiu que “os grupos de investigación de AtlanTIC e as escolas de Enxeñaría Industrial e Minas estarán traballando ombro con ombro co CINAE, que tamén contará co apoio da Xunta no eido da financiación”.
Feijoo lembrou que en 2008 un grupo de investigación da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións gañou un concurso da Axencia Espacial Europea para lanzar un picosatélite e, dende entón, a Universidade de Vigo lanzou tres picosatélites con éxito, está próxima a lanzar o cuarto e participa en proxectos tan prestixiosos como unha iniciativa da NASA que ten como obxectivo desviar a traxectoria dun meteorito, feitos que animan a “lanzar unha decidida aposta por converter Galicia nun referente europeo a nivel aeroespacial”.
Inaugúrase o Edificio Tecnolóxico Aeroespacial no parque empresarial de Nigrán
Compartir Este Artigo

