Ineo, asociación referencial das empresas TIC de Galicia, vén de informar que a vindeira semana, o xoves 14 de abril, levará a cabo unha xornada de especialización sobre Proxectos europeos para PEME. O encontro terá lugar no Centro de Negocio do Porto do Molle (Parque Empresaria l Porto do Molle, Nigrán, Pontevedra) en horario de 9:30h a 14:00h e de 15:30h a 17:30h. Cal é a finalidade deste evento? Pois é a de achegar un coñecemento avanzado sobre os programas da Comisión Europea encamiñados á participación das empresas e sobre como debe abordar unha PEME o obxectivo de participar nun proxecto europeo.
Ou sexa, que se achegará información (e formación) sobre toda a liña de vida proxecto (dende a concepción inicial ata o seu peche), pasando pola planificación, procura e coordinación dos socios, preparación da proposta de solicitude e a posterior xestión e xustificación que implica o seu desenvolvemento.
En canto a relatores, participará na xornada a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio, avaliadora seleccionada pola Comisión Europea (Programa COSME), experta na preparación de propostas e coñecedora dos requisitos e criterios que se esixen dende o punto de vista da avaliación para acadar o co-financiamento da Unión Europea.
Cómpre subliñar que este encontro será de carácter práctico e requirirá a participación activa de todos os asistentes. Para unha maior información cómpre acceder ao programa, dispoñible para a súa descarga en formato PDF. As/os interesadas/os en asistir á xornada poden inscribirse mediante unha folla de inscrición e enviala a ineo@ineo.org ou chamando ao teléfono 986 11 25 70.
Programa da xornada
Programas europeos: De que estamos a falar?
Obxectivos e estrutura dos programas europeos
Principais programas orientados á empresa
H2020 e COSME
Fontes de información e ferramentas de apoio á participación
Estrutura da información
Documentación precisa para preparar unha proposta
Portal do participante
Programas de traballo e convocatorias
Análise e estrutura dos programas de axuda
Claves dun programa e da documentación que a acompaña
Encadre dunha idea de proxecto nun programa/convocatoria
Da idea ao proxecto: Preparación da proposta
É innovadora a miña idea/proposta?
Definición e composición do consorcio
Determinación de roles e busca de socios
Redacción da proposta: claves a ter en conta
Parte económica
Preparación do orzamento
Cálculo de esforzos
Gastos subvencionables e non subvencionables
Previsión e xestión do cash‐flow
Formularios e avaliacións
Achegar o meu proxecto ao formulario con éxito
Que elementos condicionarán a avaliación?

