A biblioteca do CEIP Curros Enríquez da Coruña acolleu esta mañá a ritmo de rap a presentación de Primavera das Letras, proxecto pensado para fornecer ao profesorado, a través das TIC, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. Ademais de recitar versos do poeta ao que se dedica este ano a celebración, o alumnado cantou e bailou un orixinal rap que narra a vida do poeta Manuel María, quen viviu a derradeira etapa da súa vida no barrio coruñés de Monte Alto, onde a Real Academia Galega decidiu celebrar este acto de presentación.
A cerna de Primavera das Letras é a súa páxina web, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre.
Na presentación de Primavera das Letras interviñeron o director do CEIP, Antonio Leonardo Pastor; o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a coordinadora de normalización lingüística do colexio, Begoña Mosquera, e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. As académicas Rosario Álvarez e Margarita Ledo e Saleta Goy, viúva de Manuel María, tamén participaron, xunto a outros membros da comunidade escolar, nun acto no que o alumnado acaparou o protagonismo. Dous grupos de estudantes recitaron os poemas de Manuel María Galiza, d”Os soños na gaiola; e A fala, d”As rúas do vento ceibe; e outro interpretou o rap Manuel María. Guiado polo profesor de música Víctor González Buján, narrou a vida de quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Primavera das Letras arrinca cunha ficha na que se explica a orixe do Día das Letras Galegas, que se celebrou por primeira vez en 1963, cen anos despois de se publicar Cantares gallegos. Séguelle Manuel María, unha vida de poema, na que a biografía do autor se escribe a través de poemas como Carné de identidade e se propón ao alumnado, entre outras cousas, que escriba o seu propio carné en verso ou converterse en xornalista para recoller testemuños sobre o uso do carro, ao que Manuel María lle dedicou un dos seus poemas máis populares.
A poesía de Manuel María está chea de versos que facilitan esta mirada multidisciplinar, parte deles incluídos en dúas obras destacadas da literatura infantil galega: Os soños na gaiola, publicado por primeira vez en 1968, cando apenas había un pequeno feixe de obras en galego para o público máis novo; e As rúas do vento ceibe, de 1979. Cada un destes dous poemarios conta con cadansúa ficha didáctica.
Manuel María dedicoulle Os soños na gaiola a todos os nenos e nenas que falan galego e xuntou neste libro, segundo dicía, os versos que el botou en falta na súa infancia. Na ficha sobre este poemario proponse un achegamento á súa poesía, mais tamén á natureza, con debuxos para colorear os versos que Manuel María lle escribiu á bolboreta, ao “arco da vella co ceo subido”, ao “señor merlo larpeiro”, ao “ourizo ouriceiro” ou á “señora Pita”, entre outras propostas.
Primavera das Letras non só recorre á obra de Manuel María para o público infantil, tamén aproveita outros versos que poden ser igualmente empregados nas escolas para abordar, ademais da lingua e da literatura en si mesmas, contidos relacionados co mundo animal ou a xeografía.
A RAG presenta o proxecto web Primavera das Letras
Compartir Este Artigo

