Hoxe chegaba o anuncio de Wayra, a rede de aceleradoras de startups de Telefónica Open Future (que está presente en todo o mundo con 11 academias en 10 países), no cal se daba conta da apertura dunha nova convocatoria (a primeira do 2016) para emprendedores. As 29 prazas dispoñibles están espalladas por Caracas (Venezuela), Lima (Perú), España (Madrid e Barcelona), Santiago de Chile (Chile) e Múnic (Alemaña). Cómpre informar que será ata o 8 de maio cando se reciban as propostas das startups, que este ano se centran de maneira especial nas solucións en Internet das Cousas (IoT), as aplicacións cloud, e os proxectos para infraestruturas de Rede e Big Data (información masiva). Engaden dende Wayra que máis aconsellable (aínda que non excluínte) é que as solucións teñan xa iniciada a súa validación comercial.
As empresas seleccionadas recibirán investimento financeiro en capital semente e servizos de aceleración que inclúen a estadía nun espazo de coworking para o equipo de traballo, servizos de conectividade, orientación e acompañamento directo por parte do equipo de Wayra, mentoría en temas clave para o crecemento do negocio (asesoramento estratéxico, en vendas, mercadotecnia e comunicación), formación en ferramentas de emprendemento e xestión empresarial, acceso á rede de contactos e experiencia de Wayra, Open Future e Telefónica non só na cidade que lles acolle, senón co resto dos países nos que está presente a iniciativa, exposición ante medios de comunicación e potenciais investidores, entre outros.
Emporiso, para participaren nesta experiencia é preciso cumprir uns requisitos: ter un produto/servizo baseado nas novas tecnoloxías e Internet e validado polo mercado (usuarios activos); ter un modelo de negocio adaptable, evolucionable e con proxección global; contar cun equipo de traballo multidisciplinar, con experiencia no sector da empresa e que estea comprometido co proceso de aceleración. Para acceder á convocatoria hai que visitar a web de Wayra.
As firmas emerxentes teñen unha nova oportunidade para medrar da man de Wayra, a aceleradora de Telefónica
Compartir Este Artigo

