Séguenos chegando información da terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, e dende Código Cero continuamos dando conta, os días pasados, de todo o que vai vir. No certame da vila bergantiñá amosaranse as últimas novidades do mundo das novas narrativas contando con Andreu Meixide, un experto en non ficción web, e con Miriam Hernanz, responsable do Laboratorio de innovación audiovisual de RTVE.es, o departamento da compañía de radio televisión pública adicado ás ferramentas e linguaxes audiovisuais como o webdoc, o vídeo interactivo ou a visualización de datos.
Andreu Meixide é un director e realizador de documentais (Soy Rambla2), webdocumentais (Parkcelona) e webseries (Bloc dels Pescadors); desta volta achegará unha masterclass sobre Narrativas dixitais de non ficción. Meixide é tamén responsable de BccN Barcelona Creative Commons Film, CCMad e director de contidos de DocS.21 Festival Documental Narrativas Digitales de Zaragoza.
Pola súa banda, Miriam Hernanz, xornalista que formou parte do equipo fundacional da RTVE.es e que agora dirixe o Lab de RTVE.es, falará deste departamento da canle pública que aposta polas narrativas audiovisuais máis vangardistas. Hernanz especializouse na creación de webdocs e reportaxes interactivas, como JFK Sombras de un magnicidio ou Fracking, fiebre del gas; e baixo a súa dirección realizáronse os primeiros proxectos de VR de RTVE.es ou a primeira curta de ficción interactiva.
Emporiso, no Carballo Interplay deste ano tamén haberá estreas en exclusiva como a webserie en formato de falso documental Entertainment, inserida na categoría de novas narrativas. Os seus creadores, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a proxección dos novos capítulos desta webserie que conta a vida dos integrantes de Different Entertainment SL. Sainz e Segura son, tamén, os responsables do obradoiro de Creación dunha webserie que se desenvolverá a semana antes do festival en Carballo e para o que aínda hai prazas dispoñibles (máis información, na web).
Asemade, tamén se achegarán ao festival bergantiñán os Zopilote: Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares, os tres guionistas máis senlleiros da ficción galega. Responsables de máis de trescentos guións, así como do deseño de máis dunha ducia de programas e series de televisión, entre as que salientan: Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Air Galicia, O Nordés e Era Visto! Aproveitarán para expor o seu Código Fonte Audiovisual, cunha proxección-conferencia na que repasarán as películas, series e artefactos audiovisuais que forman os seus referentes.
En canto a música, o dúo de hip hop galego Malandrómeda volve logo de cinco anos con dous LP´s que presentarán no concerto de clausura do Festival, o sábado 7 á tardiña no Pazo da Cultura de Carballo: Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta oito nomes do inimigo. Tamén asistirá a esta festa de peche a DJ Teresa da Praia.
Lembrar que todas as actividades do festival son de acceso libre e de balde ata completar aforo.
As novas narrativas dixitais estarán presentes na terceira edición do Carballo Interplay
Compartir Este Artigo
