O Centro Tecnolóxico Gradiant vai amosar alén do Atlántico as súas tecnoloxías para a seguridade e a privacidade. Será na quinta edición da Feira de Xustiza e Tecnoloxía que se celebra os días vindeiros en Paraguai, xuntando as principais institucións xudiciais das dúas ducias de países integrados no Cumio Xudicial Iberoamericano. O obxectivo da xuntanza: propiciar o intercambio de experiencias e boas prácticas TIC no ámbito da Xustiza. Amais, búscase crear un punto de encontro e de intercambio de información para as ditas entidades, coñecemento que lles servirá para afrontar e resolver futuros desafíos comúns. A idea da organización é propiciar ao máximo o fluxo de recursos e propostas, de institucións a institucións e de institucións a empresas, favorecendo a concorrencia dos centros tecnolóxicos. Neste senso, Gradiant exporá os seus últimos desenvolvementos tecnolóxicos útiles para as institucións e profesionais que acoden ao evento.
O centro galego está presente na feira cunha caseta de seu, dando conta perante aos visitantes dos seus últimos desenvolvementos en materia de seguridade e privacidade aplicables á administración de Xustiza, tecnoloxías como SHADOW (a solución de seguridade, seguimento e identificación documental de Gradiant), SIGN3R (a plataforma de seguridade documental e xestión de sinaturas), e os seus sistemas de seguridade biométrica.
“En Gradiant”, informan dende o centro tecnolóxico, “temos gran experiencia en seguridade e privacidade e, de feito, o noso percorrido nesta liña está avalado polo deseño e materialización dun gran número de solucións seguras adaptadas ás necesidades específicas dos nosos clientes e de aplicación en diferentes ámbitos”.
Como lembraremos, Gradiant traballa arreo no ámbito da seguridade multimedia, orientada a garantir a integridade e a rastrexabilidade de documentos. As súas tecnoloxías baseadas en recoñecemento facial, de sinaturas e de voz permiten aplicar a biometría en diferentes escenarios (sinatura electrónica de documentos ou control de acceso, entre outros), co fin de “ofrecer garantías de seguridade adicionais”, informa o centro, que engade aos devanditos exemplos de tecnoloxías útiles para o ámbito xudicial o potencial de proxectos como SCAPE ou PRISMED, ademais de ter participado nas iniciativas europeas PRIPARE (Preparing the Industry for Privacy-By-Design) ou WITDOM, nesta última como “3rd party” da Universidade de Vigo. Ademais, lembrar que Gradiant pertence a entidades como o Biometrics Institute, AEI Ciberseguridade, ou a Fundación Círculo.
Durante a feira de Paraguai, Gradiant terá oportunidade de contactar con clientes potenciais de países americanos como Estados Unidos, Guatemala, República Dominicana, México, Panamá, Porto Rico, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Paraguai, Perú, ou Uruguai.
Gradiant amosará en Latinoamérica as súas solucións avanzadas en seguridade e privacidade
Compartir Este Artigo

