Para conseguir captar a atención dos medios non é a primeira vez que vemos produtos que tenden pontes co sexo, como no seu día fixo o reloxo cuantificador de actividade Geeksme GME1, que presumía de ser capaz de rexistrar a actividade sexual do seu usuario, e na mesma liña vemos como hoxe unha compañía galega dun sector máis tradicional, Durmet, está a presentar os novos colchóns Smarttress nunha xornada de portas abertas en Madrid, onde pode verse un dos usos máis ridículos da tecnoloxía que podemos ver ata o momento, pero que parece estar a funcionar á hora de captar miradas, xa que estes novos colchóns de descanso integra 24 sensores ultrasónicos que rexistran o grado de presión e cadencia do colchón en cada momento, transmitindo esta información a través dunha aplicación móbil para informar ao usuario se detecta unha actividade sospeitosa, podendo consultarse tamén as estatísticas de actividade do colchón na propia aplicación, onde tamén vemos un gráfico tridimensional para coñecer as zonas nas que o colchón Smarttress recibe maior presión.
A utilidade desta información parece nula, pero os responsables desta PEME galega pensaron que podía servir como detector de infidelidades (aínda que o feito de que só detecte a actividade amorosa nun colchón e que o seu funcionamento dependa de manter cargada a súa batería mediante USB fan que sexa case imposible un aproveitamento real deste produto para a finalidade anunciada), e abren a reserva deste produto que comercializarase en tamaños que van dende os 135 x 190 centímetros ata os 150 x 200 centímetros, a prezos de 1.550 a 2.050 euros respectivamente.
Dado que Durmet fabric os seus colchóns baixo pedido, e en vista de que as aplicacións de Smarttress aínda non figuran na App Store nin en Google Play, non sería de sorprender que este produto non chegase a ter nin a primeira compra, pero si consegue pór no mapa a unha compañía galega de reducida traxectoria, que demostra saber darse a coñecer, xa que para esta presentación decidiu elixir o Día Internacional do Bico en vez do Primeiro de Abril (onde tamén podería ter encaixado perfectamente este produto).
Vídeo promocional do colchón Smarttress
