A Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) vén de pór en marcha o servizo Gcontigo, que achega diferentes servizos a través das plataformas de mensaxería instantánea máis populares (WhatsApp e Telegram) para que os usuarios poidan ter no seu móbil información sobre a actualidade, os deportes, a programación da TVG ou o blog sobre o galego Saborea a lingua.
O funcionamento de Gcontigo é bastante sinxelo, lembrando ás subscricións mediante SMS, pero aplicando a fórmula á mensaxería instantánea. Consiste en dar de alta na axenda de contactos do noso móbil o número de teléfono 617 519 664 ao que podemos mandar mensaxes instantáneas.
Deste xeito, se remitimos a palabra Informativos subscribiríamos un servizo de mensaxes sobre información de actualidade do día; coa palabra Deportes recibiremos información sobre a actualidade deportiva galega; de escribir Programación estaremos optando a comunicacións sobre novidades na grella da TVG, novos programas e recordatorios sobre o prime time diario; a palabra Tempo facilitaranos a última predición meteorolóxica; e, finalmente, a palabra Saborea avisa cando se publique un novo contido no blog Saborea a lingua. Para deixar de recibir as comunicacións chegará con responder as mensaxes coa palabra BAIXA.
Esta nova canle de comunicación busca achegar a TVG ao público, e non pretende ser especialmente intrusiva, polo que moderará o número de mensaxes que o usuario recibirá cada día. Temos así unha iniciativa que reforza a aposta pola innovación da CRTVG á vez que contribúe á difusión da nosa lingua.
Gcontigo emprega a tecnoloxía Dogtrack, desenvolvido por DOG Social Intelligence, dende onde buscan xuntar aos medios de comunicación de masas, ás marcas e ao seu público social, facilitando tamén os procesos de creación e viralización de contido.
A CRTVG estrea un servizo de mensaxería instantánea
Compartir Este Artigo
