A última versión da aplicación de Instagram para iOS e Android incorpora unha interesante novidade á súa sección de exploración de contidos, as canles de vídeo, xa que antes da habitual grella fotográfica presenta un recadro que achega o acceso a vídeos da comunidade global de usuarios de Instagram para facilitar así o seu descubrimento e exploración (reprodúcense de xeito continuo), de xeito que os interesados nos contidos en vídeo tanto poden achar clips do seu gusto como poden atopar novos usuarios aos que seguir.
Os vídeos continúan a estar presentes na grella de contidos recomendados por Instagram, pero coas canles de vídeo dáselles un valor de maior relevancia, para facilitar así un consumo do contido de Instagram na liña do que habitualmente se fai con YouTube, convertendo esta plataforma en todo un pasatempo.
Cando prememos sobre un dos vídeos desta nova sección temos tamén dispoñible a posibilidade de acceder á súa publicación, a envialo a outros usuarios e incluso temos un menú adicional dende o que pode denunciar o contido ou amosar que non é do noso gusto para ver menos publicacións na mesma liña no futuro.
Vine tamén estrea sistema de reprodución continua
Pero non é a única aplicación deste tipo que ten unha novidade na mesma liña, senón que Vine tamén presenta unha nova funcionalidade que consiste nun botón de Ver no perfil de cada usuario, que lanza a reprodución automática de todos os microvídeos que publicou en Vine, resultando así moi máis cómoda a reprodución desatendida de vídeos (xa que se elimina a necesidade de ter que desprazarse verticalmente pola cronoloxía de cada usuario.
