Resolveuse finalmente a terceira edición do programa Argos, iniciativa da Universidade de Santiago para dar forma a equipas universitarias de emprendedoras/es. Gen-DR (Genetics and Drug Response) e MeetLab proclamáronse gañadores. No acto de entrega de galardóns celebrado este xoves na reitoria da USC (baixo a presidencia do reitor Juan Viaño) cada equipo recibiu 3.000 euros, ademais de 6 meses de acceso de balde a espazos de acubillo empresarial e asistencia gratuíta no proceso de constitución da empresa.
Gen-DR aspira a converterse nunha spin-off de servizos de farmacoxenética, favorecendo recursos para predicir a resposta que os individuos terán ante determinados fármacos. O equipo está integrado por Adrián Caamaño Pensado, Ana Latorre Pellicer, Juan Manuel Vázquez Lago e Olalla Mariñas Amigo.
MeetLab é a proposta de María Núñez Barrachina, Ramón Maceiras Castillo e Raquel Lama López. O propósito deste equipo será o establecemento dunha tenda en liña de servizos en biotecnoloxía na que os científicos atopen un catálogo de provedores organizados por eido científico, prezo, localización xeográfica, opinións de usuarios anteriores e máis información que simplifique as decisións de contratación de servizos biotecnolóxicos.
Os premios outorgados pertencen á categoría Argos Enxeño (MeetLab), para as propostas baseadas nunha idea achegada polos propios emprendedores, e Argos Spin (Gen-DR) para os proxectos baseados en resultados de investigación da USC. Ademais tamén recibiron unha mención de honra aqueles equipos que completaron o período formativo de Argos. Na modalidade Enxeño foi Diario do Mar, promovido por Alan Alberto Olloqui Salas, Beatriz López Castro, David Leiro Magdalena e Rebeca Sánchez Andrade. En Argos Spin chegaron a fase final ADEGA (All your Documents Enriched with Grapg Annotations) de Antonio Guillermo de Bois Souto e Vanesa Taboada Vázquez e Lacteal (Suplementos Alimenticios algas), promovido por Jesús Blanco Pereira, José Ramón Seijo Sánchez e Santiago García Vázquez.
No acto de entrega tamén participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera Navarro; o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), José Manuel Abella Anido; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.
O acto de hoxe significou o peche da terceira edición de Argos, convocatoria encetada en outubro de 2015 coa conformación dos equipos participantes. Trátase dun programa dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Inclúe tres fases diferenciadas que comezaron en outubro de 2015 coa participación en varias sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Nun segundo momento procedeuse á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos tiñan que desenvolver un plan de empresa tutelados por persoal do programa Argos para a súa presentación cara mediados de marzo perante un xurado.
Unha tenda en liña de servizos biotecnolóxicos, entre os premiados por Argos 2015
Compartir Este Artigo

