O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, emprazado no Polígono de Costa Vella, recibiu onte a visita do presidente da Deputación de Coruña, Valentín González Formoso, que percorreu as dependencias do acubillo empresarial en compañía do presidente da entidade cameral, Jesús Asorey. O titular da institución provincial tivo ocasión de coñecer, de primeira man, os elementos, equipamentos e profesionais que motivaron que o viveiro fose recoñecido pola fundación FUNCAS, en 2015, como a mellor palestra empresarial da xeografía estatal en materia de pre-incubación.
Durante a vista, os directivos camerais amosaron perante Valentín González os servizos de asesoramento empresarial e xurídico que a incubadora achega aos emprendedores e, logo, ensináronlle polo miúdo as instalacións ao presidente do órgano provincial. Segundo manifestou Jesús Asorey, a mellor política laboral é “apostar polo emprendemento como base do emprego” na actual conxuntura económica.
O presidente da Deputación da Coruña, pola súa banda, salientou o “excelente funcionamento” do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, e afirmou que a institución provincial buscará “aproveitar a experiencia e o coñecemento” da entidade para o fomento de accións de apoio a emprendedores e “exportar este modelo” a outros puntos da provincia.
Segundo puido saber, o viveiro compostelán acolle arestora 44 empresas, todas elas compartindo un forte compoñente innovador. Moitas delas, de feito, pertencen ao sector tecnolóxico-dixital: 4gotas, Neukos Robotics, Galianet, Solucións de Software Libre SLNE, ou Trium Dixital, entre outras moitas. O nivel de ocupación a día de hoxe é do 80%. Desde o seu nacemento en 2006, pasaron pola incubadora un total de 146 firmas, cunha taxa de supervivencia empresarial do 76%, cifras que segundo fixo saber a Cámara de Santiago “amosan o seu correcto funcionamento e a calidade do seu emprendemento”.
Cunha superficie construída de 1.599,8 m2, con catro alturas, 24 oficinas, salas de reunións e aulas, o viveiro está adicado “integramente” á incubación de proxectos. Amais de servizos de infraestrutura e loxística, os “viveiristas” reciben formación, tutela e asesoramento especializado “segundo as súas necesidades”. O acubillo tamén fornece a opción de viveiro virtual para aqueles emprendedores que non precisen dun espazo físico onde situarse, pero si a infraestrutura, loxística e servizos ofertados polo viveiro.
O presidente da Deputación de Coruña comproba o espírito innovador do viveiro da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo

