O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de anunciar a súa adhesión a AERPAS, a Asociación Española de RPA. A incorporación á entidade estatal referencia no ámbito dos RPA (Remote Piloted Aircraft, ou sexa sistemas aéreos pilotados de maneira remota) significa, en palabras de Gradiant, “a validación da posición do centro galego como axente innovador TIC ao servizo dun mercado estratéxico para Galicia, o mercado dos vehículos aéreos non tripulados”. Ademais, a integración de Gradiant en AERPAS representa “a incorporación a un club no que xa figuran os axentes empresariais e de innovación máis importantes do mercado dos UAV (Unmanned Aerial Vehicle) en España”. A súa entrada na asociación achegaralle, polo tanto, “meirandes posibilidades de networking, de información e de promoción” ao abeiro deste tecido de innovación.
A respecto do devandito, Gradiant lembra que posúe “unha ampla traxectoria no sector dos RPA”, ratificada por máis dunha ducia de proxectos, incluíndo proxectos internacionais financiados polos programas europeos FP7 e H2020, tanto de ámbito civil como militar, en aplicacións como a videovixilancia, as comunicacións terra-aire e satélite, a fotogrametría, a seguridade terrestre e marítima ou a defensa, entre outros eidos. “A experiencia do noso equipo de especialistas en RPA”, engade o centro tecnolóxico, “permítenos afrontar con éxito os maiores desafíos ligados ás comunicacións, á navegación e ao deseño e desenvolvemento de cargas de pago para diferentes misións”.
AERPAS foi constituída para agrupar a todas as empresas, organismos e particulares relacionados co desenvolvemento do mercado dos sistemas aéreos non tripulados. A asociación ten como fins a promoción das aplicacións dos sistemas aéreos pilotados remotamente coñecidos polas siglas en inglés RPA, amais de impulsar a regulación normativa coas administracións públicas de calquera índole, fomentar a investigación mediante a colaboración entre empresas e centros de investigación e facilitar a exportación dos produtos españois.
Gradiant únese á asociación estatal de sistemas aéreos pilotados remotamente, AERPAS
Compartir Este Artigo

