O operador de satélite Quantis, do que falamos recentemente para dar conta do seu reto para acadar mellor conectividade nos polígonos industriais galegos, vén de anunciar a achega de tecnoloxía de seu para dotar de acceso a Internet e telefonía IP ao Posto de Mando Avanzado (PMA) 112 da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA). Como lembraremos, estes postos móbiles (emprazamentos itinerantes de coordinación instalados en camións todo terreo, con capacidade de situarse preto dos “puntos quentes” en materia de emerxencias) están equipados con tecnoloxías de última xeración que abranguen infraestruturas para as comunicacións, recepción de sinais de TV, equipo informático, sala de reunións e comunicación 3G e 4G. A partir de agora, co fornecemento tecnolóxico de Quantis, a dita unidade de AXEGA disporá de servizos de satélite de banda larga para, entre outras cousas, ter acceso a Internet, telefonía fixa, videoconferencia ou VPN, entre outros servizos e “dende calquera lugar e situación”.
O obxectivo destes traballos é acadar a máxima capacidade de manobra e a mellor comunicación posible para o devandito posto móbil. Como lembraremos, este tipo de infraestruturas autónomas están deseñadas para coordinar todo tipo de labores (sanitarios, extinción de incendios, policiais, de procura e rescate, de comunicacións e información á poboación, etc) en situacións de emerxencia o máis preto posible do epicentro desas situacións. Segundo explican fontes de Quantis, tendo en conta a natureza crítica destes traballos, era preciso asegurar ao máximo a calidade e dispoñibilidade da conexión a Internet vía satélite e máis da telefonía IP.
Até a data, Quantis informa do equipamento de cinco unidades de PMA para emerxencias 112, “moi semellantes ao de AXEGA en Galicia” e prepara outras sete novas unidades neste tipo de arquitectura. “É un sistema complementario ás comunicacións 3G e 4G e asegura as comunicacións alí onde non chegue ou estea colapsada a telefonía móbil”, explica a compañía dende a súa sede principal de Madrid, engadindo que “estamos ante unha solución moi competitiva en prestacións e prezo, que mellora a coordinación dos servizos de emerxencia e que inclúe, entre outras cousas, unha antena robotizada que é quen de determinar cara onde é máis axeitado apuntar: unha vez chegado o destino o PMA, a antena desprégase e comeza o escaneo de procura con só premer un botón”. A conexión a Internet, seguindo este fío, prodúcese en intervalos de entre un e dous minutos.
A conexión a Internet a través do satélite emprega esta pequena antena parabólica e un router semellante ao que se usan nas conexións de cable. “Ao tratarse dun sinal satelital, o acceso está asegurado en calquera punto do territorio”, explica o operador.
Quantis asegura o acceso a Internet do Posto de Mando Avanzado da AXEGA
Compartir Este Artigo

