A plataforma profesional para a xestión de múltiples redes sociais de referencia, Hootsuite, leva un tempo adaptándose ás novas tendencias, e ao igual que o pasado verán atendeu ao grande pulo de Instagram facilitando a publicación de fotografías na aplicación móbil de fotografías que superou a Twitter en número de usuarios activos, agora dá un importante salto no eido do vídeo, de xeito que non só se limita a incorporar o soporte de YouTube, senón que tamén facilita a publicación de contidos audiovisuais en Facebook, Instagram e Twitter, facendo moito máis doada a publicación de vídeos, permitindo programar a súa publicación, facilitando a súa difusión en redes sociais, monitorizando os seus visionados e incluso administrando os seus comentarios dende un único lugar.
Que o panel de control de Hootsuite permita publicar vídeos en YouTube, Facebook, Twitter e Instagram directamente simplifica enormemente a xestións dos contidos en formato vídeo, o que resulta especialmente práctico en casos profesionais (nos que son equipos os que xestionan as redes sociais ou nos que son varias as contas de usuario dende as que hai que publicar).
As novas ferramentas de Hootsuite tamén fan máis doado medir o funcionamento dos vídeos publicados, para comprobar se a estratexia social empregada co vídeo é efectiva. O feito de que YouTube teña un soporte completo dende Hootsuite facilita bastante a xestión de contas, mentres que os vídeos nativos en Facebook, Twitter e Instagram tamén permite máis posibilidades (como poder medir o comportamento do vídeo en cadansúa plataforma).
Presentación das novas posibilidades do vídeo social integradas en Hootsuite
Para dar conta do interese que ten o vídeo en redes sociais, dende Hootsuite
publicaron a seguinte infografía:
