Finalmente celebrouse este mércores 20 de abril, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a Primeira Xornada Atlantic Geospatial Day. Organizada polo mestrado en Xeoinformática (que se imparte na actualidade na Facultade de Informática da Universidade da Coruña e na ETS de Minas da Universidade de Vigo), acolleu presentacións e relatorios dalgunhas das nosas compañías máis senlleiras neste ámbito TIC ligado aos estudos xeográficos, á localización e ao mapeo. Ademais, contou coa participación do responsable de cartografía de Google, Ed Parsons. O obxectivo: fixar un marco físico de encontro (con periodicidade anual) para desenvolvedores, usuarios e empresas de tecnoloxía xeoespacial de cara “ao coñecemento dos avances recentes nas diferentes vertentes do sector”.
A xornada contou con charlas convidadas impartidas por representantes de Google Europa (relatorio de Ed Parsons), Deimos Space (Félix Pedrera) e Deimos Imaging (Laura Abuja); e “cunha ampla sesión de difusión” na que participaron empresas do sector coma Marine Instruments, CartoDB, Situm Technologies, Cartogaliza, e máis o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), entre outras.
“A día de hoxe non somos a comunidade autónoma punteira neste sector, pois aínda non temos entidades tan potentes como Deimos Space e Deimos Imaging, empresas con 300 e 400 empregados nacidas en España e que hoxe van participar nestas xornadas, pero si que vivimos xa certa actividade e pensamos que isto pode ir a máis”, subliñaba antes de arrancar os relatorios Higinio González, profesor da ETS de Enxeñaría de Minas e coordinador na UVigo deste mestrado e tamén da xornada, que fixo fincapé en que o encontro, “amais de reunir aos principais actores que están a traballar hoxe nestas cuestións, busca tamén abrir o sector ao público en xeral, difundindo a ampla variedade de eidos do coñecemento das que consta”. Estes eidos, sinalou, van desde o desenvolvemento de satélites e sensores para a adquisición de imaxes ata o tratamento e xestión destes datos espaciais en bases de datos, sistemas de información espacial e aplicacións webs e móbiles.
González, con todo, salientou o noso potencial no sector: “En Galicia hai xa algunhas empresas traballando neste sector, caso de Marine Instruments, unha das empresas participantes na xornada, así como start-ups vinculadas ás universidades”, recalcou.
Na xornada o público tivo ocasión de escoitar a algunhas das figuras máis sobranceiras a día de hoxe neste ámbito onde se xuntan as novas tecnoloxías e a investigación espacial e xeográfica: Ed Parsons, un dos principais responsables de Google en Europa (que falou sobre os diferentes proxectos desta marca para cuantificar a información xeoespacial do planeta que se obtén a través de satélites, vehículos aéreos non tripulados, escáneres…), Félix Pedrera, de Deimos Space, e Laura Abuja, de Deimos Imaging (dúas das principais empresas do sector a nivel español, tal e como recalcaron os coordinadores do mestrado).
A apertura do encontro estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Minas, Íñigo Cuiñas e Natalia Caparrini, e a vicedecana da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Susana Ladra.
Desenvolvedores, usuarios e empresas participaron na primeira Xornada Atlantic Geospatial Day
Compartir Este Artigo

