Temos máis información que avanzar sobre o gran evento de información masiva que anunciamos os días pasados, salientando (entre outras cousas) a participación activa do Centro de Investigación TIC (CITIC) e máis o obxectivo fundamental do encontro: tomarlle o pulso ao que se está a facer en materia de “aprendizaxe máquina en contextos de grandes moreas de datos”, sendo coñecido isto último popularmente como Big Data. O evento Big Data A Coruña 2016, organizado por David Martínez (UCL) e Amparo Alonso-Betanzos (UDC), conta coa colaboración Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data e a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalable, xunto co CITIC. Será inaugurado polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o día 25 ás 9.00 horas. Celébrase, por certo, na Facultade de Informática.
O seu eixe temático será, como dixemos, o concepto de Big Data (información masiva), un concepto que segundo nos recordan os organizadores, “fai referencia ao almacenamento dixital de grandes cantidades de datos e á forma de localizalos e atopar patróns repetitivos”. Acerca das moitas aplicacións na nosa vida cotiá (investigación, xestión e actividade empresarial) das técnicas para tratar estes volumes de coñecemento, a organización das xornadas engade que, para comezar, converten os datos acumulados en valor: recursos de utilidade para que unha empresa saiba mellor cara a onde dirixirse, ou tamén para que unha investigación científica poida chegar a bo porto (as técnicas avanzadas son fundamentais, por exemplo, para o estudo do xenoma humano).
Os impulsores do evento explican que está previsto para os anos vindeiros, no ámbito de Big Data, unha gran demanda de profesionais especializados na materia. “Só en Estados Unidos necesitaranse en 2018 uns 190.000 profesionais con coñecementos de analítica de datos, así como 1,5 millóns de xestores e analistas co know-how necesario en información masiva para tomar decisións efectivas”, explica a Universidade da Coruña, que engade que conta no seu seo “cun grupo de investigación que traballa desde 2009 en temas de aprendizaxe máquina en contornos de alta dimensión”. Trátase do grupo Lidia, Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial, dirixido pola catedrática Amparo Alonso Betanzos, coorganizadora destas xornadas xunto co investigador da University College of London, David Martínez.
Por certo que as xornadas Big Data desenvolveranse en inglés e contarán con relatores de universidades internacionais como University of Cambridge, London´s Global University, University of Ljubljana ou University of Oxford.
O programa da xornada é o seguinte:
Luns, 25 de abril
9:00 h: Apertura das xornadas
10:00 h: John Shawe-Taylor
11:00 h: Bernardino Romera
12:00 h: Pausa café
12:30 h: Andrej Muhic
13:30 h: Xantar
15:30 h: Antonio Fabregat
16:30 h: Donald Lawrence
17:30 h: Synergic Partners (pendentes de confirmación)
Martes, 26 de abril
9:00 h: Apertura da xornada
10:00 h: María Rubio
11:00 h: David Martínez
12:00 h: Coffee break
12:30 h: Guillermo Taboada
13:30 h: Comida
15:30 h: Diego Peteiro e Gianandrea
16:30 h: Abanca (pendente de confirmación)
17:30 h: Peche das xornadas
Big Data Coruña 2016 amosará os vieiros a seguir polas técnicas de tratamento da información
Compartir Este Artigo

